Unha semana para namorados do balonmán
Por Redacción
Despois dunha boa fin de semana de liga para os dous equipos pontevedreses da División de Honra Prata, con triunfo para Cisne ante o Bordils e do Teucro en Zarautz, ambos se centran agora nunha das semanas máis apaixonantes da tempada.
Chega a quenda da Copa do Rei, unha competición que este ano se está demostrando máis accesible que nunca tras a última modificación no seu sistema de competición. Non é utópico para un club humilde chegar á fase final da Copa, na que estarán oito equipos, e por iso a ilusión é máxima por seguir adiante.
Tras vencer en primeira rolda, os dous conxuntos da cidade de Lérez afrontan na casa a eliminatoria de segunda rolda, a partido único, ante un equipo da máxima categoría.
O primeiro en entrar en liza será o Cisne, este martes desde as 20:30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Ciudad Encantada, décimo cuarto clasificado actualmente en Asobal. Un día despois, mércores, será a quenda do Pavillón Municipal dos Deportes (20:45 horas) e dunha Sociedad Deportiva Teucro que se enfrontará ao Sinfín cántabro, duodécimo da táboa.
Por se a emoción non fóra suficiente, de esguello ambos miran xa ao próximo sábado, cando se disputará o derbi pontevedrés da División de Honra Prata (20:30 horas) no que será o peche perfecto dunha semana para auténticos namorados do balonmán.
Relacionadas:
-
Teucro-Cisne, máis de 30 anos esperando por este partido
Por Diego Espiño |
-
Boa imaxe do Teucro, superado na segunda parte polo Sinfín (28-33)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Partidazo do Cisne que só cede ao final fronte ao Ciudad Encantada (30-32)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un contundente Teucro repite triunfo en Zarautz (20-29) e mantense á alza
Por Redacción |
-
O Cisne gaña con autoridade a un combativo Bordils (33-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
VÍDEO.- Teucro e Cisne, unidos na promoción do balonmán galego
Por Redacción |