Pablo Dapena, testemuña en Cozumel dunha carreira histórica para o tríatlon nacional
Por Diego Espiño
Foi a súa segunda participación nunha proba das Series Mundiais, nada menos que unha Gran Final en Cozumel (México), e aínda que o seu resultado individual quedou lonxe daquel debut en Sudáfrica, Pablo Dapena puido ser testemuña dunha carreira histórica para o tríatlon nacional.
O deportista pontevedrés foi incluído no equipo a última hora para tentar axudar ao mallorquino Mario Mola, que xogaba o título mundial e necesitaba estar no podio para ser matematicamente campión.
Mola conseguiu o obxectivo pero fíxoo finalmente de maneira dramática, polo terrible desfalecemento de Jonathan Brownlee nos últimos 300 metros de carreira a pé. O británico, que camiñaba cara ao triunfo, entrou na meta segundo axudado polo seu irmán Alistair, polo que o español, coa súa quinta praza, selou o título por só 4 puntos.
Dapena saíu da auga tras os 1.500 metros de natación a 33 segundos da cabeza, 11 segundos por detrás de Mola e Fernando Alarza. Por diante, calcando a estartegia dos Xogos Olímpicos de Río, os Brownlee romperon a carreira cun ataque brutal.
Era o momento do pontevedrés, que se baleirou para enganchar co segundo grupo na bicicleta e axudar aos seus compañeiros, pero a distancia foi aumentando ata o minuto e medio. De feito, Dapena terminou descolgándose polo esforzo e chegou a meta no posto 48 e decepcionado por non poder achegar algo máis.
Decepcionado conmigo mismo, no habia más. Tras enganchar en el segundo grupo, un triatleta se corta y a la leche que se va aqui...Lo siento
— Pablo Dapena Gonzale (@pablitopiny) 19 de septiembre de 2016
Mario Mola iniciou entón unha remontada a pé descoñecendo o que pasaba na cabeza de carreira, mentres Fernando Alarza, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, chegaba no noveno posto, o que lle outorgou o bronce final nas Series Mundiais. Puido ser prata, pero a reclamación da Federación Española ante a axuda recibida por Jonathan Brownlee para entrar en meta non prosperou.
Desta forma, aínda que Javi Gómez Noya non estaba esta vez na loita, outro triatleta español sucédelle na cima mundial.
Relacionadas:
-
Rouban en Madrid a bicicleta de competición de Pablo Dapena
Por Diego Espiño |
-
Pelexado vixésimo primeiro posto de Carmen Gómez no Mundial Junior de tríatlon
Por Redacción |
-
Pablo Dapena estará na Gran Final das Series Mundiais de tríatlon, en Cozumel
Por Diego Espiño |
-
Bronce con sabor a ouro para Pablo Dapena no Campionato de España de Tríatlon
Por Redacción |