Goleada sen compaixón do Barcelona sobre o Teucro (25-48)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non houbo sorpresa, nin a máis mínima posibilidade de que puidese producirse. Se alguén pensaba que o Barcelona ía saltar á pista do Municipal relaxado despois de conquistar Liga e Copa do Rei, equivocouse por completo. Os azulgranas xogaron un partido serio, sen concesións, fronte a un Teucro que lles mirou á cara durante 20 minutos, para afundirse logo no xogo, e especialmente no marcador, ata ese avultado tenteo que reflicte a abismal diferenza existente entre líder e pechacancelas da liga Asobal.
Estaba claro que ao Teucro pouco perdéraselle no partido. Quique Domínguez xa o advertía e optou por realizar un adestramento da máxima esixencia, para o que vén a continuación, que son os partidos que restan e nos que haberá que buscar os puntos necesarios para eludir o descenso.
E nese aspecto nada que reprochar. Así o entendeu tamén o público que acudiu ao Pavillón deixando unha das mellores entradas da tempada. Os afeccionados foron a gozar de balonmán de elite, vendo como o seu equipo recibía a un dos mellores do mundo, sen a tensión dun resultado que todos sabían imposible.
Certo que os azuis fixeron soñar aos seus ata o últimos dez minutos do primeiro tempo. O Barcelona saíu decidido a impoñer os seus argumentos, e parecía que o partido non tería historia a teor do 2-5 que reflectía o luminoso aos cinco minutos de xogo. Cada ataque azulgrana terminaba nun poderoso lanzamento de primeira liña ou unha conexión co pivote, onde Syprzak impoñía a súa envergadura e calidade na recepción e finalización.
Pero o Teucro non se engurrou. Quique Domínguez adiantou o seu 6-0 defensivo, facéndoo moi profundo e instalándoo sobre a liña de nove metros para tentar parar o lanzamento exterior dos cataláns. Con iso unido á velocidade e valentía nas penetracións ofensivas de que fixo gala unha vez máis Erik Balenciaga, os pontevedreses devolveron o parcial, empatando a sete tantos, aos 10 minutos.
A igualdade mantívose ata o minuto 20, con empates e mesmo algunha ocasión para adiantarse o Teucro. O 12-13 foi a última rabexada local. A partir de aí espertou definitivamente a máquina catalá e os locais non puideron manter o ritmo. Clara proba diso foi o parcial de 2-10 con que se puxo termo a un primeiro acto interesante, pero que se foi a un excesivo 15-23.
A segunda parte sobrou. Ambos os equipos aproveitaron para dar minutos a todos os seus homes, pero claro, a segunda unidade azul foi incapaz de manter o pulso aos de Pasqui, que, saíse quen saíse á pista, seguían mostrándose insaciables, sen baixar o pistón no seu rendemento ofensivo ata o asubío final.
Aínda por riba, a achega en portería de Danjel Saric subiu varios enteiros á tamén excelente de Gonzalo Pérez de Vargas, que a defendía durante o primeiro tempo. E ao Teucro o partido empezóuselle a converter nun grolo amargo, levado con resignación e dignidade deportiva, a pesar da dureza dos números, con ese parcial nos segundos 30 minutos de 10-25, que aforra calquera comentario, deixando o marcador final nun contundente 25-48.
SD TEUCRO (25): Ritxi Amérigo; Erik Balenciaga (5), Víctor Rodríguez, Gonzalo Carró (2), Carlos García (4, 1 de penalti), José Manuel Rial (2), Dani Hernández (4) -sete inicial-, Andrés Delgado, Anxo Otero, Arkaitz Piriz (1), David Chapela (2), Iván Fernández, Carlos Gerhartd, Román Pedreira (1), Edu Moledo (2) e Samu Gómez (2).
FC BARCELONA (48): Gonzalo Pérez de Vargas; Dani Sarmiento (4), Gurbindo (6), Sigurdsson (2), Syprzak (7), Jicha (5), Kiril (9, 5 de penalti) -sete inicial, Danjel Saric; Noddesbo (3), Sorhaindo (1), Aitor Ariño (3), Carlos Ruesga, Oriol Rey (1), Viran Morros, Jallouz (6) e Daniel Dujshebaev (1).
Árbitros: Gonzalo Miranda Bedate e Fernando San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron dous minutos a Víctor Rodríguez, Gonzalo Carró (2) e José Manuel Rial (2), polo Teucro, e a Noddesbo, Sorhaindo, Dani Sarmiento, Aitor Ariño, Syprzak e Viran Morros, polo Barcelona.
MARCADOR (Cada cinco minutos): 2-5, 7-7, 10-10, 12-13, 13-16, 15-23 (descanso), 16-25, 18-31, 19-36, 21-40, 23-43 e 25-48 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Preto de 2.000 afeccionados.
Relacionadas:
-
Anaitasuna derrota o Teucro (33-29) e deixa a permanencia azul case imposible
Por Redacción |
-
Quique Domínguez: "Esto se acaba, quedan tres partidos y hay que ganar"
Por Diego Espiño |
-
Misión (case)imposible para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Concello asumirá o gasto de colocar a pista azul para o Teucro-Barcelona
Por Redacción |
-
Sen descanso cara a permanencia
Por Diego Espiño |