Empate con sabor a triunfo dun heroico Pontevedra fronte o Real Racing (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Cando un ten un mal día no que se lle encadean circunstancias negativas é frecuente que se recorra ao dito "hai días nos que é mellor non saír da casa". Algo así lle pasou ao Pontevedra no seu partido contra o Real Racing. Os granates loitaron. Fixérono con dignidade. Tentando sobrepoñerse a cada revés que lles deparaba a tarde. O infortunio cebouse cos de Luisito precisamente o día que tiñan enfronte a un dos "galos" da categoría. Así e todo, ninguén poderá reprochar nada ao equipo pontevedrés, que pelexou a morte sen renderse nunca, arrincando un punto con sabor a vitoria.
Porque, se non fosen suficientes as baixas coas que os granates chegaban ao choque, no quecemento producíase a lesión de Edu, magoado nunha man, o que obrigaba ao debut ligueiro de Company. Pero non terminaban aí as desventuras, xa que xusto antes de indicar o colexiado o inicio do partido, Capi notaba molestias tendo que ser substituído por Pablo, o que permitía a presenza entre os suplentes de Pedro García, descartado inicialmente polo técnico.
Así, cun equipo no que xa había numerosos cambios, Luisito optou pola sorpresa, dando entrada a Tomás para que xogase por detrás do dianteiro, buscando a súa ligazón con Borjas, ademais de xerar superioridade na zona ancha. Non lle saíu ben. O canteirán non estivo e o equipo, aínda que lle puxo vontade, foi como un xoguete roto ante un rival sobrado de experiencia e calidade que gobernou a primeira parte ao seu antollo, sen permitirse alegrías de ningún tipo
Os movementos de Dioni e Pumpido arrastrando aos seus marcadores ou buscando as costas dos centrais, foron un pesadelo e outra das claves do desenvolvemento do partido. Por eles pasaron case todas as oportunidades de perigo e entre eles fabricaron o gol que abría o marcador.
Antes houbo un par de avisos. Unha chegada de Miguel García ata a liña de fondo termina cun centro que se pasea pola área de meta sen que Pumpido consiga chegar para rematar. Logo Dioni puido un gran balón para o remate de cabeza de Pumpido. Saíu rozando o poste.
Sería o anticipo do que chegaría a continuación. Esta vez o centro viña desde a banda dereita. Dioni púxoa medida e Pumpido non fallou, rematando de preto ao gañarlle as costas a Campillo.
O gol fixo que o equipo cántabro optase por baixarlle revolucións ao seu xogo, conservando o balón, na crenza de que o simple paso dos minutos acabaría por darlle a oportunidade de sentenciar. Puido facelo Migue García, pero o seu disparo saíu desviado.
Tivo a súa o Pontevedra, que seguía tentando competir con dignidade, suplindo con entrega as súas carencias ofensivas. Foi quizais a mellor xogada combinativa do partido, superada a media hora de partido. Finalizouna Anxo cun bo disparo desde a frontal que se marchou fóra por pouco.
Antes do descanso pouco faltou para que o Racing atopase o que buscaba. Un balón rexeitado quedou na área nas botas de Álvaro Peña. Company estivo acertadísimo arroxándose aos seus pés, adiviñando a dirección do caneo, para impedir que marcase a porta baleira.
Pero a segunda parte non tivo nada que ver co anterior. Esquecidos os problemas cos que comezou o choque, o Pontevedra foise arriba sen complexos. Axudado polo conservadurismo dun Real Racing timorato, acazapado atrás en busca dunha contra definitiva, os de Luisito fixéronse co control e comezaron a crecer e a crer.
Avisou Verdú no primeiro minuto da continuación, nun lanzamento de falta que saíu moi preto do poste. E a punto estivo o equipo cántabro de atopar o que viña buscando. Company evitouno, mandando a corner o disparo de Dioni.
Despois o campo inclinouse cada vez máis. Co Real Racing perdendo tempo e defendendo cada vez máis atrás, as ocasións chegaban unha tras outra. Borjas probou fortuna desde a frontal. O balón buscaba a escuadra, pero ata alí voou Óscar Santiago para mandar a corner.
Marcaría Borjas (minuto 68), ao rematar de cabeza unha falta lanzada por Verdú. O árbitró invalidou o tanto a instancias do seu asistente, por estimar fóra de xogo.
A forma de buscar cada un o seu obxectivo viuse claramente nos cambios simultáneos que realizaron Pedro Munitis e Luisito. Mentres o técnico cántabro retirou a Pumpido para asegurar na zona atrás dando entrada a Francis, o técnico de Teo mandou á ducha a un defensa, Campillo, para meter a Mouriño.
E o premio á ambición e loita local chegaba aos 82 minutos. Álex Fernández empalma desde a frontal unha semivolea que se coa pola mesma escuadra, establecendo o empate, ante o delirio dunha afección rendida á entrega do seu equipo.
Aínda houbo tempo para que o Real Racing queimase o seu último cartucho. Tívoa o seu mellor xogador, Dioni, no minuto 86. O seu remate á media volta foise rozando o poste. Non sería xusto que entrase, se houbo un equipo que mereceu máis, ese foi o Pontevedra, que deu un exemplo de coraxe, sobrepoñéndose a nada menos que 6 baixas nas súas filas.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu; Miguel, Campillo (Mouriño, minuto 75), Capi, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández; Jandrín, Tomás (Queijeiro, minuto 46), Anxo; e Borjas.
REAL RACING SANTANDER (1): Óscar Santiago; Borja (Óscar, minuto 53), Fede, César Caneda, Santamaría; Granero, Álvaro Peña; Dani Rodríguez, Pumpido (Francis, minuto 63), Migue García (Artiles, minuto 75); e Dioni.
Árbitro: Héctor Juan Bustos (Castela-León), auxiliado nas bandas por Samuel García Aguilera e David Becerril Gómez. Expulsou por dobre amoestación (a segunda tras pitar o final) ao xogador do Real Racing, Fede. Amoestou a Kevin Presa, polo Pontevedra, e a Borja, Granero, Óscar Santiago e Francis, polo Real Racing.
Goles: (0-1) Minuto 24: Pumpido. (1-1) Minuto 82: Álex Fernández.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 3.500 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Nando Yosu, ex xogador de ambos os equipos e ex adestrador cántabro.
Relacionadas:
-
Puntuar para ampliar obxectivos
Por Ramiro Espiño |
-
O Atlético Astorga, un equipo moi diferente ao que visitou Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A lesión de Edu, menos grave do previsto
Por Diego Espiño |
-
Confianza na segunda unidade ante a visita do Real Racing
Por Diego Espiño |
-
Real Racing, un favorito ao ascenso que chega en forma a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A 'conexión xerezana' e a Virxe Peregrina dan a vitoria ao Pontevedra en Coruxo (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Falece Nando Yosu, dianteiro do Pontevedra na época gloriosa
Por Ramiro Espiño |