Non pode o Villalonga cun Pontevedra moi superior (0-5)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Entretido partido, goles espectaculares e actuación soberbia do porteiro local, Iván Parada, que evitou que a goleada do Pontevedra sobre o Villalonga fose moito máis avultada. Os granates foron moi superiores ao conxunto local, pechando a pretempada con boas sensacións e mellores resultados.
Monólogo do Pontevedra na primeira parte na que Iván Parada foi protagonista destacado. Ata seis remates claros en apenas cinco minutos sacou o porteiro local cando o gol se cantaba nas bancadas. Kevin Presa, Tubo, Mouriño, Pedro García e Jandrín viron como as claras ocasións de marcar das que dispuxeron morrían nas mans ou no corpo do meta celeste.
Antes xa avisara o Pontevedra ao pouco de comezar. O remate de Jandrín, mordido, foise ás mans de Iván Parada. Pouco despois sería Pedro García quen disparara rozando o poste dende a frontal, con toda a portaría para el.
A superioridade granate foi tan abafadora que o Villalonga apenas logrou superar a liña central do campo nun par de ocasións e sen perigo ningún. Os de Luisito recuperaban doado e moi arriba, exercendo unha interesante presión sobre a saída de balón do contrario, pero mostrando tamén unha inquietante falta de puntaría ante o marco rival.
Máis igualdade nos primeiros compases da reanudación, na que Luisito comezou cun equipo sen dianteiro puro e con Tomás como home máis adiantado. As chegadas eran menos, pero as ocasións seguían acumulándose sen acerto na definición. Mouriño puido marcar, pero encontrouse con Adrián Cascallar, que non quixo ser menos que o seu compañeiro Iván Parada.
Os locais tiveron a súa oportunidade nunha contra ben levada por Diego Blanco á que chegou moi forzado Adrián Rosal, mandando o balón fóra.
Foi como o canto do cisne, porque pasada a media hora o Pontevedra puido por fin traducir a súa superioridade en goles. O primeiro chegou nunha suba por banda de Adrián que rematou cunha volea espectacular Mouriño. E o segundo apenas dous minutos máis tarde, na xogada mellor trenzada do partido. Balón diagonal ás costas da defensa que pon Álex Fernández para Jacobo, o centro de primeira deste remátao a pracer Borjas, que acababa de entrar.
Non remataría aí a cousa. O Villalonga acusou o marcador en contra e os cambios, o que aproveitou o Pontevedra para facer o terceiro nun balón en profundidade de Jacobo sobre Borjas, que resolve con serenidade despois de salvar ao seu marcador e ao porteiro local. O cuarto chegaría noutra excelente acción, cun centro de Rodri que empalma Jacobo con outra gran volea. E o quinto, como non podía ser doutra forma nunha tarde de grandes goles, sería igualmente bo, nunha chilena de costas de Borjas, rematando un centro dende a dereita.
VILLALONGA FC (0): Iván Parada; Santi Padín, Renda, Adrián Santos, Fran Campos; Manu, Jesu; Giao, Alfonso, Héctor; e Diego Blanco. Tamén xogaron: Adrián Cascallar, José, Marcos, Aarón, Adrián Rosal e Saúl.
PONTEVEDRA CF (5): Lloves; Adrián, Pablo, Capi, Campillo; Kevin Presa, Pedro García; Tubo, Mouriño, Jandrín; e Pablo Carnero. Tamén xogaron: Rodri, Tomás, Álex Fernández, Borjas, Miky, Jacobo, Abraham, Verdú e Miguel.
Árbitro: Gómez Lameiro (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Juncal Moreira e Covelo Bugallo. Amoestou a Jacobo, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 60: Mouriño. (0-2) Minuto 62: Borjas. (0-3) Minuto 67: Borjas. (0-4) Minuto 77: Jacobo. (0-5) Minuto 86: Borjas.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga-Sanxenxo). Trofeo Viajes Interrías. Uns 500 espectadores. No palco presidencial, xunto aos dirixentes de ambos os dous equipos e patrocinador do torneo, presenciaron o partido os alcaldes de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Relacionadas:
-
Ofrenda á Virxe Peregrina para dar comezo á tempada oficial
Por Redacción |
-
O Pontevedra estrearase en liga o sábado ás 20:00 horas ante un Guijuelo que chega con dúbidas
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O Pontevedra imponse con autoridade (0-3) ao Portonovo
Por Redacción |
-
Goleada granate en Ourense (0-4)
Por Redacción |
-
O Pontevedra adxudícase o Luis Otero ao impoñerse ao Lugo nos penaltis (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |