A SD Teucro perde o seu capitán: Borja Pedreira deixa o club tras aprobar unha oposición
Por Redacción
A maquinaria da SD Teucro non se detén. O equipo teucrista segue dando forma ao seu equipo para a próxima tempada. Aínda que nesta ocasión se trata dunha saída igual de sentida que inesperada. O capitán, Borja Pedreira, deixa o club por motivos laborais.
O primeira liña lalinense chegou ao conxunto pontevedrés na tempada 2008-2009, ano no que debutou na Liga ASOBAL, e tras sete tempadas vestindo a camiseta azul ten que deixalo despois de aprobar unhas oposicións que o afastarán de Pontevedra.
"Nunca imaxinei que chegaría este momento. Pero a oportunidade que se me presentou obrígame a ter que deixar a un lado o balonmán. Neste momento non podo máis que sentirme moi feliz por estes sete anos que me regalou a SD Teucro", comentou Borja Pedreira nada máis coñecerse a noticia.
O capitán asegura que "levo o cariño e apoio de todos durante estes sete anos e espero ter correspondido dando todo en cada partido, en cada adestramento. Non é doado ter que irme, pero alá onde vaia sentireime un máis e desexarei que aos meus compañeiros e adestradores, esa gran familia que me levo de todos estes anos, lles vaia o mellor posible sempre. A eles e á grande afección que temos detrás apoiando este club".
Dende a SD Teucro agradecen, mediante un comunicado, todo o esforzo que fixo Borja coa camiseta do club e lle desexan moita sorte de cara ao futuro.
Relacionadas:
-
Fixados os primeiros compromisos de pretempada para o Teucro
Por Redacción |
-
Adrián Pumar abandona o balonmán en activo e pasa a formar parte da estrutura de base do Teucro
Por Redacción |
-
Carlos Pombo renova dous anos co Teucro e marcha cedido ao Cisne
Por Redacción |
-
O Teucro incorpora o extremo do Barakaldo, Arkaitz Piriz
Por Redacción |
-
Andrés Delgado reforza a portaría do Teucro
Por Redacción |