Un Marcón en cadro busca asegurar por segunda vez a permanencia gañando en Carballiño
Por Diego Espiño
Lesións, sancións, asuntos laborais e ata as eleccións cebáronse co Marcón Atlético ante a última e decisiva xornada de liga na Rexional Preferente.
O conxunto pontevedrés necesita o triunfo no Carballiño ante o Arenteiro (domingo 18:00 horas no Espiñedo), para asegurar por segunda vez a súa permanencia na categoría, despois de que a aliñación indebida do Pontevedra B ante o Erizana o colocase de novo ao bordo do descenso.
Os de Carlés queren evitar custe o que custe ter que esperar aos posibles ascensos de Terceira a Segunda B para saber se continúan á categoría e se agarran a "que a nosa necesidade ten que pesar máis que as ganas do equipo rival, por moi primado que estea", recoñece o técnico.
As ausencias marcan os plans do adestrador, que perde ata unha decena de futbolistas. Os últimos foron Baptiste, Iván e Racha por sanción, ao que se une a usencia por motivos persoais de Vladi, que se encontra en Rusia, ou que Luis, xogador do filial que nos últimos partidos estaba a contar con protagonismo, foi designado como vogal nunha mesa electoral. Tamén Sapi esta citado como vogal nunha mesa, pero no seu caso como suplente, polo que se espera que poida viaxar.
No lado contrario Carlés recupera a Bolo, Iago e Valiñas, e intentará que chegue a tempo Steve, aínda que o fará sen ritmo competitivo tras meses afastado dos terreos de xogo por unha grave lesión de xeonllo.
Con todo o Marcón, segundo o seu adestrador, presentará "un equipo competitivo pero con pouco marxe de manobra".