As indivualidades salvan a un discreto Cisne ante BM Pontevedra (28-30) e déixano a un punto do título
Por Ramiro Espiño
Partido típico de rivalidade. Case un calco do sucedido entre ambos os dous equipos na primeira volta. Resolto nos minutos finais a favor de quen máis o necesitaba, o Cisne, que cos dous puntos deixa practicamente sentenciado en título de liga a falta de tres xornadas, e con el a súa clasificación para a fase de ascenso a División de Honra B.
As individualidades salvaron os de Edín Covelo nun dos partidos máis espesos do conxunto branco. BM Pontevedra non se xogaba nada, pero vendeu cara a súa derrota nun choque marcado polos nervios e protestas cara á parella arbitral, pero presidido pola deportividade na pista.
O Cisne cometeu demasiados erros. Empeñado en deixar de lado o xogo colectivo, desaproveitou varias ocasións para sentenciar o partido cando, con vantaxe de catro goles no marcador, se precipitou cometendo erros en ataque que permitiron a BM Pontevedra volver achegarse e manterse con opcións ata o último minuto.
A falta de calidade, houbo emoción pola incerteza do resultado. Edín Covelo mantivo no banco na segunda parte durante moitos minutos a Álex Chan e Andrés Sánchez, ata que os de Ramón Pazos lograron empatar (27-27) a falta de dous minutos e medio para o final. Precisamente Andrés Sánchez, devolvía unha relativa tranquilidade aos cisneístas, poñendo o luminoso con dous de vantaxe para os que nesta ocasión exercían de visitantes, pero Javier Suárez recortaba, hasta que Álex Chan sentenciou a falta de 15 segundos.
O Cisne necesita agora un só punto nos tres partidos que restan, o próximo na súa pista fronte ao penúltimo BM Artabro, para garantir o liderado e a súa presenza nun play-off para cuxa sede Pontevedra moi posiblemente presente candidatura.
BM PONTEVEDRA (28): Santi Picallo, David Lagoa, Ángel Noya; Ansias (2), Santi Calvo (1), Domato, Gonzalo García, Álex Pombo (3), Fernando Rey (8), Iago Rodríguez (2), Alberto Santiago (7), Ángel Soliño (2) e Javier Suárez (3).
BM CISNE (30): Toño Lafuente, Pablo Galán (1), Santiago Cuenca; Iván Abilleira (2), Pepe Camiña (1), Álex Chan (7), Edu Covelo (8), Rafa Dasilva (3), Bruno Montesinos (1), Pablo Picallo (1), Carlos Rodríguez, Andrés Sánchez (4), Miguel Simón, Javi Vázquez, Pablo Vidal (2) e Héctor Boo.
Árbitros: José Enrique Iglesias Colinas e Carlos Pinto Álvarez (Madrid). Excluíron por dous minutos a Ansias, Domato, Gonzalo García e Javier Suárez, polo BM Pontevedra, e a Edu Covelo (2), Pablo Picallo e Miguel Simón, polo Cisne.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 6-4, 7-7, 7-11, 11-13, 14-15 (descanso), 15-16, 16-17, 17-20, 21-24, 24-26 e 28-30 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 100 espectadores.
Relacionadas:
-
Frouxo partido do BM Pontevedra que alivia os problemas de Granitos Ibéricos (31-31)
Por Redacción |
-
Traballado triunfo do BM Pontevedra (28-24) sobre Promens A Cañiza
Por Redacción |
-
Campións! O Cisne sentencia a liga regular ao impoñerse con comodidade (34-22) ao BM Ártabro
Por Ramiro Espiño |
-
Xornada de portas abertas ante o Ártabro para empurrar o Cisne a fase de ascenso
Por Redacción |
-
Duro correctivo do Luceros ao BM Pontevedra (39-27)
Por Redacción |
-
Calvo Xiria pon en apuros un Cisne que remonta ao final (25-23) e acaricia o título de liga
Por Ramiro Espiño |