Sen forzar e apoiado nun gran Ricardo Amérigo o Teucro vence con claridade (32-24) a Meridiano Antequera
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non necesitou o Teucro facer un gran partido para levar a iniciativa do marcador e do xogo dende o asubío inicial e rematar marchando xa ao descanso cunha cómoda vantaxe, fiel reflexo da diferenza de nivel entre ambos os dous conxuntos.
Meridiano Antequera atascouse, especialmente nos últimos minutos do período inicial, nas súas accións de ataque. A firmeza defensiva local anulou as opcións de lanzamento exterior do conxunto andaluz, limitado a intentar buscar accións co pivote, case sempre ben suxeito polos centrais azuis. Ricardo Amérigo tamén estaba firme en portaría, dando sentido a ese bo labor defensivo dos pontevedreses.
Aínda así, tras uns comezos que facían pensar en que o Teucro podería marchar pola vía rápida (7-3 aos 10 minutos de xogo), chegou unha pequena focha ofensiva, con varias perdas de balón combinadas con decisións arbitrais máis que discutibles e favorables aos andaluces, que se achegaron a un só gol, dispoñendo mesmo de varias accións para lograr o empate.
Recuperou o ton o Teucro, que aproveitou os últimos dez minutos para abrir brecha, retirándose ao vestiario coa máxima vantaxe ata o momento (17-11), e sen necesidade de que Quique Domínguez tivese que forzar as reaparicións de David Chapela, que se aliñou pero non chegou a actuar, nin de Carlos García, utilizado só para os lanzamentos de sete metros.
A segunda parte non tivo máis historia que a que quixo o Teucro e a que permitiu Ricardo Amérigo. Os azuis saíron lixeiramente espesos en ataque, acumulando perdas de balón e erros nos lanzamentos. Mentres isto sucedía, o porteiro encargábase de impedir que os visitantes puidesen nin sequera chegar a soñar coa remontada.
Meridiano Antequera tivo que conformarse con achegarse a catro goles de desvantaxe, mediado o período final e a un intercambio de goles no que o Teucro se encontraba cómodo. Ata que o desánimo e a evidencia da súa inferioridade pesou nos andaluces. Entón o Teucro ampliou aínda máis a súa renda ata asinar unha vitoria tan clara como cómoda.
SD TEUCRO (32): Ricardo Amérigo; García Pichel (3), Adrián Pumar (5), Marcos Dorado (2), Borja Pedreira (4), Dani Hernández (3), Edu Moledo (5) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Carlos Pombo (1), David Chapela, Víctor Rodríguez (3), Iván Fernández (1), Gonzalo Carró e Carlos García (5, de penalti).
MERIDIANO ANTEQUERA (24): Jorge Villamarín; Ceballos (2), Alberto Castro (4), Luis Castro (1), Morales (1), Cristóbal Ortega (1), Javier Bertos (1) -sete inicial-, Francisco Maireles (p.s.); Escobar (2, 1 de penalti), Jesús López, Jesús Algar (3), Alexis Rodríguez (3, 2 de penalti), Cabrera (5) e Santamaría (1).
Árbitros: Alfredo Arcos Adeva e Julio Posada González (Madrid). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado, Borja Pedreira e Víctor Rodríguez, polo Teucro, e a Luis Castro, polo conxunto andaluz.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 7-3, 7-6, 10-8, 13-9, 17-11 (descanso), 20-14, 20-16, 23-19, 26-20, 28-22 e 32-24 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 800 espectadores.
Relacionadas:
-
O traballo defensivo e Ricardo Amérigo permiten ao Teucro superar (27-30) ao BM Nava e á arbitraxe
Por Redacción |
-
Difícil saída para o Teucro en Nava de la Asunción
Por Diego Espiño |
-
O Teucro afronta a visita do Antequera "con ganas de guerra"
Por Diego Espiño |
-
Recuperar efectivos e volver ao seu mellor nivel, obsesión do Teucro antes da visita do Antequera
Por Diego Espiño |
-
O Academia Octavio tómase a revancha e supera o Teucro (34-29) no derbi
Por Redacción |