Difícil saída para o Teucro en Nava de la Asunción
Por Diego Espiño
O Teucro inicia este sábado (18:30 horas) o último terzo ligueiro con 10 finais no seu obxectivo de retornar á Liga Asobal, e faino cun complicado desprazamento á pista dunha das revelacións da División de Honra Prata, o Balonmano Nava.
O conxunto segoviano, recén ascendido, é sexto na táboa e pelexa por meterse no play-off de ascenso, unha clasificación que se basea na súa fortaleza como local, algo que ten presente o cadro pontevedrés.
Un dos seus porteiros, Iago Gómez, asegurou na previa que "nos va a costar mucho y vamos a tener que hacer un partido muy completo" se queren volver de Nava cos dous puntos.
Tamén o sabe Quique Domínguez, quen fixa como unha das claves do encontro "que reduzcamos las pérdidas de balón, porque en los últimos partidos tuvimos más de las que desearíamos".
Domínguez poderá contar por segunda xornada consecutriva co plantel case ao completo, salvo o lesionado César Armán, a pesar de "gripes, catarros y pequeñas molestias" que afectaron aos xogadores durante a semana pero que están superados.
Pola súa banda o Nava deberá sobrepoñerse á ausencia do seu gardameta titular, Yeray Lamariano, que fichou esta mesma semana polo Ademar León.