Miami, primeira cita do ano na Copa do Mundo de vela para Támara Echegoyen
Por Redacción
Despois de participar a pasada semana na Midwinter Regatta, o dúo composto pola pontevedresa Támara Echegoyen e a cántabra Berta Betanzos afrontan en augas norteamericanas a primeira gran cita da tempada.
Miami acolle dende este luns a primeira proba do ano da Copa do Mundo (ISAF Sailing World Cup) e nela estarán Echegoyen e Betanzos na categoría de 49 erFX, onde se verán as caras con algunhas das mellores tripulacións internacionais.
Entre as rivais destacadas encóntranse as actuais campioas do mundo, as brasileiras Martine Soffiatti Grael e Kahena Kunze, ou as danesas Ida Marie Baad Nielsen e Marie Thusgaard.
Támara e Berta tratarán de manterse nos primeiros postos da categoría, aínda que segundo recoñece a galega "é tempo de probar e cambiar buscando a mellora, e que mellor ocasión que facelo e probalo coas mellores da nosa modalidade".