Os irmáns Paz marchan sextos e Támara Echegoyen décima tras dúas duras xornadas en Miami
Por Redacción
A primeira proba do ano na Copa do Mundo de Vela, que se está a celebrar en Miami, estase a caracterizar por unhas duras condicións de navegación por culpa do forte vento, que provocou multitude de incidencias e a suspensión de varias das magas de competición.
Támara Echegoyen e Berta Betanzos non foron excepción nun primeiro día no que só oito das 40 embarcacións do 49er FX finalizaron a manga disputada. O dúo galego-cántabro tivo que abandonar o parcial pola rotura do seu mastro.
Malia iso na segunda xornada o EB Team de Echegoyen e Betanzos foi de menos a máis (10-8-7) para lograr descartar o resultado do primeiro día e situarse na décima posición dunha clasificación xeral que ata o momento dominan as neozelandesas Alexandra Maloney e Molly Meech.
Tamén están a destacar en augas estadounidenses os irmáns Carlos e Antón Paz no 49er.
Os vilagarciáns marchan sextos a só tres puntos do bronce tras superar unhas condicións de vento límite que provocaron a envorcadura de moitas embarcacións.