O Pontevedra despide o ano traballando no Carrasco
Por Ramiro Espiño
Luvas, algún que outro gorriño para protexerse e moito frío a pesar da soleada mañá, no Carrasco. O Pontevedra foise ata Marcón para despedir o ano cun adestramento no que Luisito esixiu ao máximo os seus xogadores, chegando a deter os exercicios en máis dunha ocasión para corrixir aspectos que non lle agradaban ou reclamar maior intensidade nas súas accións.
O último día de 2014 serviu para un ensaio no que estiveron presentes todos os membros do primeiro equipo, coa excepción de Fran Fandiño, que acudiu a rehabilitación cos seus recuperadores. Mesmo participou Tubo, que non puido traballar nin este luns nin o martes, afectado dun proceso vírico, se ben se limitou a realizar traballo de carreira continua pola banda, mentres os seus compañeiros completaban a sesión. O xogador, non obstante, mostrábase optimista sobre o seu estado e a posibilidade de chegar en perfectas condicións para afrontar o partido do domingo en Cerceda.
Cos homes xustos para ese importante partido entre os dous primeiros clasificados, Luisito contou coa participación de catro xogadores do filial e xuvenil, entre eles o dianteiro Ramón, autor de catro goles na vitoria do xuvenil granate fronte ao Deportivo na última xornada, un xogador que gusta moito ao técnico, ata o punto de que intenta contar con el de forma habitual nos ensaios do primeiro equipo.
E é que en caso de non se recuperar Tubo, a baixa por sanción de Anxo e a lesión de Fran Fandiño deixarían o técnico de Teo con só 15 xogadores dispoñibles, obrigándoo a botar man da canteira.
Os granates descansan o día de ano novo. Os plans iniciais de Luisito pasaban por adestrar, pero tras comprobar que as vacacións non afectaran ao estado físico dos seus homes, optou por darlles o día libre, cambiando a sesión do xoves por outra que realizarán na mañá do sábado, de novo no Carrasco. O venres, día 2 de xaneiro, o escenario do ensaio será o sintético da Xunqueira.
Relacionadas:
-
O Cerceda impón a súa pegada (1-0) ante un Pontevedra que perdoa as súas ocasións
Por Ramiro Espiño |
-
A falta de campo para adestrar en fin de ano condiciona a primeira semana de traballo do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Fran Fandiño, o único granate que non descansa en Nadal
Por Diego Espiño |
-
A divertida cea de Nadal do Pontevedra CF
Por Ramiro Espiño |