O Pontevedra alivia as súas feridas (1-3) a custa dun débil Cultural Areas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Distinto escenario, os mesmos erros. O único diferente era a debilidade dos propietarios do terreo. O Cultural Areas, un dos clubs máis modestos da categoría, acusaba en exceso as baixas do seu central, Campos, pero especialmente do seu organizador e xogador de máis calidade, Fonseca.
A consecuencia foi que, dende o asubío inicial o Pontevedra se fixo dono do partido e do balón, sen que os de Fonsi Valverde puidesen case nin se achegar aos dominios de Lloves. E os granates que comezaron a acumular ocasións, tantas como fallaron unha tras outra, algunhas de forma incomprensible para a calidade que se lles supón aos seus xogadores, outras como consecuencia da inspiración dun Hortal ao que se lle acumulaba o traballo e o resolvía de forma brillante, mesmo espectacular.
Ata cinco claras oportunidades na primeira media hora foi capaz de xerar o equipo dirixido por Milo Abelleira antes de encontrar o burato do muro de Hortal. Pablo Carnero remataba excesivamente cruzado, en boa posición (minuto 8). Capi falla un gol cantado cando se topa cun balón no bordo da área de meta (minuto 10), ante un Hortal vendido que saca unha man prodixiosa. De novo intervén o meta local para sacar un remate envelenado de Campillo (minuto 21).
A seguinte non sería o meta, senón a travesa quen evitara o primeiro gol granate. Foi un centro de Jacobo (minuto 24) que Pedro García estrela de forma espectacular dende preto no longueiro. E aínda tería unha máis o Pontevedra, agora nas botas de Benja (minuto 26). O seu remate cruzado e con moito perigo vólvao salvar Hortal, desviando a pelota a corner.
Pero de tanto ir o cántaro á fonte rematou por romperse cando Pablo Carnero recibe de costas, aguanta á defensa e se xira para rematar á media volta (minuto 31) sen que agora o meta local poida facer nada.
O primeiro gol do partido era pálido reflexo da tremenda e absoluta superioridade visitante. Que puido ter maior recompensa cando un pase de Pablo Carnero (minuto 38) o remata Mouriño de volea, aparecendo de novo Hortal para sacar unha man excelente e mandar o balón a corner.
Claro que ata o mellor escribán bota un borrón. E o de Hortal foi dos gordos. Corría o minuto 39 cando Pablo Carnero dispara dende fóra da área. O remate non aparentaba moito perigo, pero Hortal tírase tarde a pola pelota que se lle coa por debaixo do seu corpo facendo subir o segundo tanto ao marcador.
Desquitouse a medias o gardameta do Cultural Areas, que volveu aparecer de novo antes do descanso (minuto 43) para mandar novamente a corner un remate a queimarroupa de Benja que puido ser o terceiro e con el quizais a sentenza.
Necesitara o Pontevedra ata sete ocasións claras para facer dous goles, nun primeiro tempo que puido e debeu deixar un resultado de verdadeiro escándalo.
Tras o descanso os granates xogaron con lume, permitindo que o rival se crecese. Despois de conseguir o terceiro gol moi pronto nun gran remate de volea de Campillo (minuto 49) á saída dun corner botado por Jacobo, apenas un minuto máis tarde seguían de celebración cando Hugo solta un disparo afastado que pilla mal situado a Lloves e se coa polo ángulo.
O gol deu ánimos ao Cultural Areas, na mesma medida que fixo desaparecer a un Pontevedra que volveu á vulgaridade de xornadas anteriores. E os locais, que marcaran no seu primeiro disparo a porta de todo o partido fóronse arriba con tanta decisión como desconcerto había nos granates.
Agora o traballo era para Lloves, mentres o protagonista da primeira parte, Hortal, vía de lonxe o xogo. Coas súas modestas armas os de Fonsi Valverde empurraron tirando de orgullo e amor propio, tanto que estiveron a punto de facer o segundo cando Cañi rematou de cabeza a porta baleira (minuto 75), por enriba da travesa.
Milo deu entrada a Tomás por un Mouriño acelerado e que case remata antes de tempo no vestiario por unha segunda amarela que mereceu. E Tomás precisamente deulle ao xogo granate a pausa que necesitaba para que o Pontevedra volvese apoderarse do balón.
Respirou o Pontevedra, que debeu golear e rematou ofrecendo un partido con dúas caras. Lonxe, moi lonxe da superioridade que se lle supón ante un rival débil pero que lle deu unha lección de capacidade de loita e sufrimento mesmo despois de ter o partido practicamente perdido.
CULTURAL AREAS (1): Hortal (3); Damián (1), Costas (2), Cañi (1), Marcos (1); Alberto (1), Jesús (1); Buba (0), José Arenas (1), Manu Vilán (0); e Cuadrado (0).
Substitucións: Hugo (2) por Manu Vilán, minuto 46. Couso (2) por Damián, minuto 46. Félix (1) por José Arenas, minuto 70.
PONTEVEDRA CF (3): Lloves (1); Campillo (2), Pablo (2), Capi (1), Anxo (3); Mouriño (1), Kevin Presa (2), Pedro García (1), Jacobo (2); Benja (2) e Pablo Carnero (3).
Substitucións: Luismi (2) por Benja, minuto 65. Tomás (2) por Mouriño, minuto 83. Iago Martínez (s.c.) por Jacobo, minuto 87.
Árbitro: José Antonio Fernández Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por José Daniel Rodicio González e Carlos Quintas Lorenzo. Amoestou a Cañi e Manu Vilán, polo Cultural Areas, e a Mouriño, Pedro García e Capi, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 31: Pablo Carnero. (0-2) Minuto 39: Pablo Carnero. (0-3) Minuto 49: Campillo. (1-3) Minuto 50: Hugo.
Incidencias: Campo da Lomba (Areas-Ponteareas). Uns 400 espectadores, con numerosa presenza de seguidores visitantes.