Confirmados os catro meses de baixa para Pacheco que non xogará ata marzo
Por Ramiro Espiño
Superada con éxito a intervención cirúrxica a que foi sometido para reparar a fractura de radio e escafoides da man dereita sufrida no partido que disputou o Pontevedra B contra o Valladares, o defensa granate Pacheco xa pensa en volver aos terreos de xogo. Por diante quédalle un longo camiño por percorrer. Será baixa por espazo duns catro meses, polo que o seu retorno ao equipo non se producirá ata finais de marzo ou principios de abril próximo. Dende o cuarto que ocupa no hospital Miguel Domínguez, Pacheco intenta ver a situación con optimismo: "se podo chegar para a recta final e para disputar o play-off de ascenso, esa será a miña mellor recompensa".
Polo seu cuarto foron desfilando todos os seus compañeiros, así como o adestrador, Milo Abelleira, para darlle ánimos, aínda que Pacheco parecía non os necesitar, facendo gala dunha enorme fortaleza e sen perder o sorriso: "Os dous primeiros días estaba amolado -comentou a PontevedraViva-, porque tiña moito dor, pero agora estou moito mellor e mesmo xa me colocaron a escaiola e é moi posible que mañá (polo xoves) me poida ir á casa".
O xogador granate quixo manifestar o seu agradecemento ao médico do club, Alberto Domínguez: "ÿ incrible como se portou comigo. Cando me trouxeron dende A Xunqueira case chegou el antes ca min, polo que non teño máis que palabras de agradecemento, así como a todo o hospital".
Con respecto á lesión, Pacheco comentaba: "O doutor díxome que as fracturas foran tremendas e pouco frecuentes, pero que a intervención saíu ben e non haberá problemas. Iso si, agora quédanme dous meses de inmobilización, antes de volver adestrar, e outros dous meses máis para poder xogar con normalidade".
Iago Paz seria dúbida para recibir o Dorneda
Mentres, tras a xornada de descanso do martes, o Pontevedra continuaba os adestramentos en Príncipe Felipe, nunha sesión na que non puido participar co grupo Iago Paz, que traballou á marxe coa fisioterapeuta, afectado aínda das molestias nos isquiotibiales que o fixeron caer da aliñación no mesmo quentamento do partido fronte ao Compostela.
Eses problemas físicos comprometen moi seriamente a participación do centrocampista no próximo partido en Pasarón fronte ao Dorneda, máis que nada por precaución, ante o temor de que forzar unha reaparición prematura podería significar perdelo logo para unha longa tempada, en caso de recaída. De todos os xeitos, haberá que esperar a ver como evoluciona o xogador, que mostraba unhas enormes ganas de estar dispoñible canto antes.
O seguinte adestramento será na tarde do xoves (16,30 horas) en Pasarón.