Cantos na Maré marabilla o público pontevedrés coa súa aposta por unha edición máis íntima e lírica
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, demostrou que se atopa nun dos seus mellores momentos. Tras once edicións segue contando maioritario do público pontevedrés, como se demostrou este sábado. Centos de persoas encheron o Pazo da Cultura para asistir á edición máis lírica, íntima e poética da súa historia. Non era para menos, ao estar dedicado especialmente á figura de Rosalía de Castro.
Cunha audiencia totalmente entregada foron aparecendo sobre o escenario os protagonistas deste Cantos na Maré. O primeiro en facelo foi o compositor portugués Luiz Caracol. Presentaba o seu primeiro disco, Devagar, que mestura a poesía de Mia Couto e Pessoa, o sabor afro-luso con aromas de Brasil e da cidade que lle inspira: Lisboa. Cantou a dúo tamén con Uxía, a directora musical do certame, e a caboverdiana Gabriela Mendes.
Gabriela Mendes sorprendeu aos espectadores coa súa aposta por unha música cadenciosa e sedutora, na que reflicte a 'soidade', a tristeza e a nostalxia, xunto coa mestura perfecta de alegría e baile. Era a súa primeira visita a Galicia, igual que no caso do brasileiro Vítor Ramil, que aportou o sabor dunha música de tradición que entronca con Arxentina e Uruguay, de harmonías abertas, melodías hipnóticas e letras cheas de poesía impresionista.
Vítor Ramil protagonizou un dos momentos máis emotivos deste Cantos na Maré. Acompañado no escenario por Uxía (que cantou con todos os artistas) e pola gaita de Xosé Manuel Budiño, interpretou un poema musicado de Rosalía de Castro, cuxa figura e espírito estivo presente durante todo este Cantos na Maré.
Para Budiño era tamén a súa primeira actuación nun festival que lle marcou desde os seus inicios. Encandeou ao público co son dunha gaita á que acompañan unhas mesturas musicais que van desde os acordes máis tradicionais aos electrónicos. Da súa man veu ademais una das grandes sorpresas. O actor Luís Tosar, que participa no seu último disco recitando a Celso Emilio Ferreiro, quixo acompañar ao de Moaña nesta actuación.
O broche de ouro deste undécimo Cantos na Maré púxoo Amancio Prada, que creou un ambiente máxico no Pazo da Cultura coas súas cancións compostas a partir dos poemas de Rosalía de Castro. Un belo peche musical ao ano rosaliano, celebrado para conmemorar o 150 aniversario de Cantares Gallegos. Veu da man dun artista que, como sinalou Uxía, demostra que a música segue sendo un dos mellores vehículos para gozar da poesía.
Cantos na Maré concluíu coa tradicional interpretación, a cargo de todos os artistas que actuaron este ano, da canción que toma o nome do festival.
Relacionadas:
-
A caída do cartel dun dos artistas previstos obriga a atrasar o festival Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Xosé Manuel Budiño debuta en Cantos na Maré: "No concerto haberá sorpresas e vai ser algo moi chulo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Amancio Prada, Budiño, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, no Cantos na Maré "máis intimista e poético"
Por Alejandro Espiño |