Xosé Manuel Budiño debuta en Cantos na Maré: "No concerto haberá sorpresas e vai ser algo moi chulo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Festival Internacional da Lusofonía 'Cantos na Maré' celébrase este sábado 11 a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura nunha edición na que se interpretarán poemas de Rosalía de Castro a través de Amancio Prada (O Bierzo), Vitor Ramil (Brasil), Gabriela Mendes (Cabo Verde ), Luiz Caracol (Portugal) e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño. O músico de Moaña, aínda que nacido en Pontevedra, se mostra moi feliz por esta primeira intervención neste evento musical:
Xosé Manuel Budiño: Sigo 'Cantos na Maré' dende o primeiro festival, que foi na praza da Ferrería, o primeiro concerto. Teño moi boa relación con Uxía e ela viu que este ano podía encaixar moi ben porque normalmente compoño a música pero sempre utilizo xente, poetas, que escriben letras que podo musicar. E invito amigos para cantalas como neste último disco cunha letra que me fixo Carlos Blanco e pon a voz Antonio Zambuxo que é un cantante de Portugal e que coñecín en 'Cantos na Maré' hai tres anos. E outro dos poemas deste disco é de Celso Emilio Ferreiro ao que pon a voz Luis Tosar. E Uxía tivo esa visión: por que non podía estar un tipo como Budiño que é músico, instrumentista e compositor pero que ademais sempre utiliza poesías para poñerlle letra ás súas músicas.
- Durante os dous últimos días estiveron a ensaiar todos os músicos no Pazo para este concerto, haberá sorpresas?
- Haberá algo especial. Imos esperar ao concerto para que se cumpra o que temos en mente e vai ser algo moi chulo.
- Este ano comezou moi ben coa selección do seu último disco, 'Sotaque', entre os dez mellores do mundo para a revista norteamericana World Music Central. Como se presenta este ano entrante?
- Estase a cumprir o que tiñamos pensado dende que comecei a concebir o disco, que foi hai un ano e pico. Foron cinco meses encerrado no estudo compoñendo e arranxando. Queriamos proxectalo primeiro en Galicia e cara a outubro xa internacionalmente. Tivemos a sorte de que nos elixiron para o Womex, a exposición de músicas do mundo que se celebrou en Cardiff a finais de outubro. Alí hai programadores de todo o mundo. Imaxínate a repercusión que ten que te escollan entre 800 convocatorias de todo o mundo e estar ante de programadores que están a organizar a súa axenda. A verdade é que todo está a saír moi ben e agora aparece esta noticia na revista World Music Central e iso permite que 'Sotaque' despegue internacionalmente. Vai estar moi por enriba do que esperabamos inicialmente. Estamos a pechar concertos xa para agosto e setembro.
- A finais deste mes tamén vai participar no Festival Celtic Connections en Glasgow (Escocia)?
- Si, abrimos en Escocia. Alí tamén se van concentrar dous mil e pico músicos, de Canada, Estados Unidos, Australia e, sobre todo, de Europa. ÿ unha oportunidade porque alí acoden tamén programadores de todo o mundo. ÿ unha praza moi importante. E a verdade, xa temos concertos para todo o verán porque en Europa xa están os festivais pechados, aquí iso non acontece.
- 'Sotaque', polo tanto, está a obter un éxito notable?
- ÿ o sexto disco e estou encantado pero todos os discos tiveron repercusión en Galicia e fóra. Rematamos tocando máis fóra que no resto da Península. O resto da Península é un territorio por conquistar. En Madrid quedan estrañados e preguntan: por que non tocas máis en Madrid cando estás a tocar en todos os continentes? E si, estamos a tocar en Líbano, Xordania, Marrocos, en toda Europa, Arxentina, México, Shangai... E é curioso, a península é un territorio aínda por explorar.
- Vostede é un músico aberto ás novas tecnoloxías e a todos os avances, como cre que está a influír Internet no panorama musical?
- Provocou un cambio moi importante. Fai quice ou dez anos era impensable pensar nas redes sociais e agora é incrible de que forma están a influír. Vas dar un concerto e xa non necesitas nin os carteis. O teu muro son as redes sociais e nótase. Cada vez que vas tocar a un sitio de fóra do teu país, se apareces no cartel nun teatro en Colombia un mes antes, por exemplo, o público que pode ir a verte inmediatamente ten toda a túa discografía, vídeos e demais para decidir se lle interesa ver ese concerto ou non. E a aposta é importante. A nós pasounos, estivemos nun teatro de 2.000 localidades, dous días seguidos en Bogotá e o teatro estaba cheo os dous días. ÿ sorprendente porque se trata dun artista que vai a Colombia e que non está no circuíto do pop nin na MTV nin en nada diso. Cheas o teatro con xente entre a que non había case nin galegos. No público había, como moito, oito galegos. As redes sociais e Internet teñen moito que ver con todo isto.
- E Xosé Manuel Budiño tamén se caracteriza polas influencias que recolle e polas colaboracións que mantén con outros artistas de distintos estilos. A última foi con Vega.
- Si, colaboro moito cos músicos tradicionais, de jazz, do clásico, do rock... Son un apaixonado do rock e de calquera outra música. Todos os meus traballos recollen esas influencias. Son unha persoa moi aberto. Utilizo moitos paus musicais e músicos de todos os estilos. Así xorden estas colaboracións. No caso de Vega, un amigo común traballou con ela e propúxoseo. Ela coñecíame pero non persoalmente. Chamoume o meu amigo e eu encantado e de cabeza. Chegoume a melodía dun tema que ela compuxo e colaborei. O último encontro foi en Compostela na sala Capitol e foi moi emotivo porque ela sente o que fai e o que toca e ao meu gústame traballar con xente que goza da súa profesión.
- Estamos nun momento de debate, unha vez máis, sobre a presenza de gaitas marciais que compiten coas gaitas galegas como sucedeu no programa Luar provocando polémica. Vostede posiciónase?
- Píllame un pouco a contrapiei porque tampouco seguín o debate. Pero a polémica vén de atrás. Hai 25 anos que a vivimos. Non sei se chamalo polémico, cada un é libre de tocar a gaita que queira. Eu posiciónome pola gaita galega, pero iso non quita que poida ter outras gaitas que me apaixonen como as que utilizo nas clases que dou para nenos. Non entro na guerra.
- Pero considera un perigo para a gaita galega a presenza da marcial escocesa, tal e como a utilizan algunhas bandas en Galicia?
- Non é un problema de desaparición. O problema é se se deben utilizar fondos públicos para iso. Esa é a cuestión. Cada un pode utilizar a batería que queira, utilizar o galego, o inglés, cantar en chinés ou bailar a sardana... pero o problemas é de fondo.
E collendo a súa coidada gaita, Budiño afina o rouco e continúa o ensaio rodeado de percusionistas. Na noite deste sábado debutará en 'Cantos na Maré' e quere que todo encaixe con escrupulosa harmonía. O prezo na billeteira é de 28 euros.
Relacionadas:
-
Cantos na Maré marabilla o público pontevedrés coa súa aposta por unha edición máis íntima e lírica
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Xosé Manuel Budiño ofrece unha clase de gaita para que os escolares se adentren na música tradicional
Por Redacción |
-
Amancio Prada, Budiño, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, no Cantos na Maré "máis intimista e poético"
Por Alejandro Espiño |