A caída do cartel dun dos artistas previstos obriga a atrasar o festival Cantos na Maré
Por Redacción
Tradicionalmente, Cantos na Maré marcaba o inicio da programación cultural da nosa cidade cada ano. Pero desta volta non poderá ser así. O Concello de Pontevedra e Nordesía Produccións, organizadores deste Festival Internacional da Lusofonía, informaron este mércores que a cita do ano 2015 non se poderá celebrar na data prevista, o próximo 17 de xaneiro. O motivo, a caída do cartel dun dos principais artistas previstos.
O Concello lamenta ter que suspender esta exitosa cita anual dado que, sinalan, "xa ten un oco na programación cultural de Galicia e un público fiel".
De todos os xeitos, non renuncia a convocar unha nova edición, para a que xa se está a traballar buscando as datas máis acaídas dentro da programación cultural do ano.
Tamén desde Nordesía Produccións avanzan que agardan poder organizar o festival nesta nova data "e sumar á próxima edición un plantel de artistas único e irrepetible".
Segundo a produtora, Cantos na Maré é un evento consolidado na programación cultural galega. Citan un estudo de satisfacción e impacto na cidade realizado na pasada edición, no que o 90% do público asistente fizo unha valoración alta do cartel de artistas xuntado con motivo do ano de Rosalía de Castro e no que máis da metade dos entrevistados afirmaron que acudían todos os anos a este festival desde numerosos puntos de Galicia.