Quen disfrazou as esculturas da cidade?
Por Natalia Puga
A estatua de Valle Inclán na praza de Méndez Núñez, as galiñas do Mercado, o forzudo do Fiel Contraste situado tralo Consistorio... Son esculturas que forman parte xa do espazo cotián dos pontevedreses, pero este domingo sorprenderon a veciños e visitantes cunha nova imaxe. Ás 12.00 horas apareceron disfrados. Que lles pasou? Foron vítimas dalgunha broma ou, quizais, dalgunha actividade artística? As preguntas facíanas quen pasaron por elas, pero a resposta está noutro lugar: a actividade cultural da cidade.
As actividades de Ponteatro saíron este domingo do Pazo da Cultura ou o Teatro Principal e chegaron ás esculturas da cidade. Este xoves 21 de novembro a programación inclúe a obra Anxeliños de Roberto Vidal Bolaño e, para promocionala, dende o Pazo decidiuse facer unha serie de intervencións a pé de rúa, realizadas a través dos integrantes da iniciativa cultural Portal48.
A sorpresa que xeraron as intervencións da mañá incrementouse pola tarde. Ás 17.00 horas a intervención chegou á escultura dos nenos da fonte da glorieta de Compostela e á Tertulia da praza de San José e foron moitos os pontevedreses que se preguntaban que pasaba e quixeron inmortalizar o momento cos seus móbiles e cámaras fotográficas.
Trátase dunha particular homenaxe do Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra a Vidal Bolaño que, ademais, pretende difundir a obra do próximo xoves, do grupo Espello Cóncavo. A cita será ás 21.00 horas no Teatro Principal e o prezo da entrada será de oito euros (catro para quen teñen bonificación) e está incluído no abono de quen adquiriron toda a programación de Ponteatro.
Charli é propietario dunha axencia adicada ao cobra de morosos. Leti, filla de Charli; Chema, marido de Leti e xenro de Charli; e Tigre. Integran o censo laboral da axencia. O negocio marcha moi mal, os morosos non pagan e as débedas amoréanse, entre elas, o aluguer do local, propiedade da nai de Sor Anxélica, emperrada en moralizar as relacións da súa nai cos homes e en cobrar o devendito aluguer.
Neste panorama de caos económico xurde a figura de Damian, irmán de Charli, un gasnter retornado dos Estados Unidos lodo de terse fugado aló con Carme, esposa de Charli e nai de Leti. Damián, un auténtico profesional do crime, un tipo duro con métodos expeditivos e contrastados, ofrécelles os seus servizos para reflotar a axencia. Só lles pon unha condición: teñen que acabar con Carme, condenada a permanecer en estado vexetativo. E ten que facelo Charli. Pero Charli, que odia a Damián por terse fugado con Carme, inicialmente rexeita o trato. Posteriormente, urxido pola situación dos seus, rematará facéndoo...