Ponteatro rende homenaxe a Roberto Vidal Bolaño coa obra "Anxeliños", reinterpretada por Espello Cóncavo
Por Alejandro Espiño
Roberto Vidal Bolaño, como non podía ser doutro xeito, estará presente en Ponteatro, o ciclo teatral que organiza o Concello de Pontevedra. El é "o autor que mellor representa as arelas do teatro nacional galego, propio, con características de seu", sinalou Arturo López, o director de Anxeliños, obra escrita no seu día polo dramaturgo santiagués e recuperada agora pola compañía Espello Cóncavo. Representarase este xoves 21 de novembro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal.
Anxeliños forma parte dunha triloxía, xunto con Animaliños e Criaturas, tres obras cun denominador común: as personaxes protagonistas "son perdedores, pero entrañables". Trátase, segundo Estíbaliz Veiga, unha das súas protagonistas, "dunha obra baseada nun traballo en equipo, das ganas que teñen de traballar, de sacar adiante un programa e engrandecer a lingua galega, a cultura, e a Vidal Bolaño".
Outros dous actores da obra, Fernando Morán e Isabel Risco, aproveitaron a presentación do espectáculo para agradecer ao Concello de Pontevedra a súa aposta pola cultura. "Moitos deberían tomar nota e non botarlle a culpa á crise. Hai que defender o teatro e a cultura como o estades a facer dende aquí", comentaba Fernando, que representa na obra o papel que no seu tempo representou Bolaño, feito polo que sente "unha grande satisfacción e responsabilidade".
Argumento: Charli (Fernando Morán), un cincuentón rancio, de aires chulescos e palabra acharlatanada, é propietario dunha axencia dedicada ao cobro de morosos. Leti (Estíbaliz Veiga), filla de Charli, un burdo simulacro de secretaria eficiente con pinta de puta cara; Chema (Manu Fernández), marido de Leti e xenro de Charli, a reprodución fotocopiada dun executivo agresivo caído en desgraza; e Tigre (Rodrigo Roel), un vello enxoxeito e calvo e algo escaso, integran o censo laboral da axencia.
O negocio marcha moi mal, os morosos non pagan e as débedas amoréanse, entre elas o aluguer do local, propiedade da nai de Sor Anxélica (Isabel Risco), unha monxa repoluda e malencarada, emperrada en moralizar as relacións da súa nai cos homes e en cobrar o devandito aluguer.
Neste panorama de caos económico xurde a figura de Damián (Luzbel Pardavila), irmán de Charli, un mafioso retornado dos Estados Unidos logo de terse fugado con Carme, esposa de Charli e nai de Leti. Damián, un auténtico profesional do crime, un tipo duro con métodos expeditivos e contrastados, ofrécelles os seus servizos para reflotar a axencia. Só lles pon unha condición: teñen que acabar con Carme, condenada a permanecer en estado vexetativo.
A mañá do xoves, contará cunha intervención nas esculturas da cidade, como a que se fixo o domingo, entre as 10:30 e as 11:30 horas, momento no que comezará a representación concertada con centros escolares de secundaria (IES Luis Seoane e Colexio Sagrado Corazón de Pontevedra, Johan Carballeira de Bueu, A Sangriña da Guarda e o Monte da Vila do Grove.
As entradas para o público en xeral poden mercarse anticipadamente en www.servinova.com ou no 902 504 500 a un prezo de oito euros máis gastos, catro para estudantes, parados e xubilados, e o mesmo día da función unha hora antes na billeteira do Teatro.