O directorio de entidades culturais de Poio conta con máis de 20 integrantes
Por Redacción
"Temos claro que Poio é terra de talento e ese talento debe ser posto en valor". Así se refire a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, ao espírito co que naceu hai uns meses un proxecto para dar vida a un directorio virtual de entidades culturais.
Trátase dunha iniciativa que xurdiu no último tramo de 2020 co obxectivo de dar visibilidade ao labor que realizan diferentes profesionais do sector, entidades e agrupacións, co obxectivo de axudar a reactivar a actividade do sector cultural, que está a ser un dos máis castigados polas restricións e o impacto da pandemia da Covid-19.
"A nosa esperanza é que, pouco a pouco, coa chegada das vacinas e o cumprimento das normas sanitarias, a dinamización da cultura se vaia consolidando", di Raquel Rodríguez.
A día de hoxe son xa máis de 20 os profesionais que están inscritos neste directorio, que conta cun espazo específico na páxina web do Concello de Poio. Alí, as persoas usuarias teñen a opción de descargar un arquivo no que se inclúe toda a información de interese destas entidades.
"Temos entidades e artistas de todos os eidos", sinala a responsable de Cultura. Entre eles, a música é unha das grandes protagonistas, coa inclusión de intérpretes como Miguel Martínez ou Marietta, así como grupos emblemáticos e que contan cunha ampla traxectoria en Poio, como son Os Queimatasas, o Grupo Xuvenil da Escola de Acordeóns, Vides Novas ou o cuarteto de jazz Rosolino Marinello.
O teatro tamén está representado neste directorio coa inclusión do colectivo Cuna de Moura. No ámbito da formación, aparecen a Escola de Acordeóns ou a Escola de Música Tradicional de Poio. No apartado de servizos, neste espazo habilitado na web do Concello pódese atopar información sobre diferentes empresas especializadas en deseño gráfico, marketing, son ou fotografía.
Raquel Rodríguez lembra que, ademais de consultar información de interese sobre estas entidades, no enlace do directorio tamén hai un apartado para que todos os profesionais ou agrupacións interesadas se poidan inscribir de xeito telemático.
"A nosa intención é crear unha rede o máis ampla posible para que o tecido cultural de Poio continúe medrando e dándose a coñecer", finaliza a concelleira do Bloque Nacionalista Galego.
Relacionadas:
-
Poio impulsa un plan para "promover e garantir" o futuro do tecido músico-cultural do municipio
Por Redacción |
-
A música en feminino brillará con luz propia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Poio pon en marcha o directorio de entidades culturais
Por Redacción |
-
Poio anima a entidades culturais a apuntarse no directorio virtual para facer visibles as súas propostas
Por Redacción |