Poio anima a entidades culturais a apuntarse no directorio virtual para facer visibles as súas propostas
Por Redacción
Ao redor de 20 colectivos e profesionais do municipio de Poio do sector cultural xa iniciaron os trámites para formar parte do Directorio de Entidades Culturais, que promove a concellería de Cultura, que dirixe Raquel Rodríguez.
Con esta proposta quérese promover a actividade que desenvolven agrupacións, artistas e colectivos deste campo coa intención de dar maior visibilidade ás súas iniciativas. Con esta idea, o goberno local de Poio quere colaborar con este sector, que se viu moi prexudicado con motivo do confinamento e coas restricións actuais, e axudar na reactivación de accións culturais.
Raquel Rodríguez sinala que neste directorio poderán figurar profesionais e agrupacións relacionadas con artes plásticas e visuais, patrimonio cultural, promoción e formación musical, xestión cultural, artes escénicas, teatro, pintura, escultura, editoriais, librerías, turismo cultural, danza, música, creación audiovisual, deseño gráfico ou cinematografía.
O directorio estará operativo no web do Concello e ofrecerá, ademais de información sobre as agrupacións, un buscador para facilitar as consultas. Desde a concellería de Cultura enviouse unha invitación aos colectivos e profesionais do tecido cultural do municipio cun código QR para que accedan ao formulario e inscríbanse nesta nova ferramenta.