Poio pon en marcha o directorio de entidades culturais
Por Redacción
Preto de 20 profesionais de Poio vencellados ao eido cultural xa forman parte do Directorio de Entidades Culturais, unha iniciativa impulsada polo departamento dirixido pola concelleira Raquel Rodríguez.
A través desta ferramenta, o Concello busca dar visibilidade ao traballo que desenvolven as entidades, empresas do sector e artistas do municipio. "Entendemos que esta fórmula pode supor unha axuda para que se dean a coñecer", indica a titular de Cultura.
O Concello vén de habilitar un espazo na súa páxina web onde os usuarios poderán consultar todo tipo de información vencellada ás entidades inscritas. Tamén se porá á disposición da cidadanía a través dos perfís oficiais das redes sociais.
Deste xeito, ve a luz unha proposta que empezou a tomar forma unha vez rematado o confinamento, a través das diferentes reunións mantidas pola edil de Cultura con profesionais do sector.
Tal e como lembra Raquel Rodríguez, neste directorio poderán figurar profesionais e entidades vencelladas a ámbitos como a xestión cultural, artes plásticas e visuais, patrimonio cultural, promoción e formación musical, artes escénicas, teatro, pintura, escultura, editoriais, librarías, turismo cultural, danza, música, creación audiovisual, deseño gráfico ou cinematografía. Ademais da información e datos, ofrécese un desglose por categorías ou nomes. Outra ferramenta coa que contará o directorio será cun buscador, para facilitar as consultas.
Raquel Rodríguez anima aos profesionais e entidades culturais locais que aínda non formen parte desta comunidade virtual a que se poñan en contacto co Concello para inscribirse e "deste xeito, dar toda a visibilidade posible ao seu labor".
Relacionadas:
-
Poio impulsa un plan para "promover e garantir" o futuro do tecido músico-cultural do municipio
Por Redacción |
-
O directorio de entidades culturais de Poio conta con máis de 20 integrantes
Por Redacción |
-
Poio anima a entidades culturais a apuntarse no directorio virtual para facer visibles as súas propostas
Por Redacción |
-
Poio impulsa un directorio cultural para dar visibilidade ao sector
Por Redacción |