Poio impulsa un plan para "promover e garantir" o futuro do tecido músico-cultural do municipio
Por Redacción
A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, explicou este mércores as liñas mestras do I Plan Músico-Cultural do Concello de Poio.
Trátase dunha iniciativa que entra en vigor neste 2021 e que persegue varios obxectivos, entre os que figuran, ademais de poñer en valor esta variante da cultura popular e do folclore máis arraigado en Galicia, dar visibilidade aos colectivos musicais que forman parte do tecido cultural do municipio.
Rodríguez sinala que este plan, do que se deu parte na Comisión de Cultura deste mércores, "ten moi en conta a realidade e o contexto que nos deixa a covid-19. Consideramos que resulta esencial promover e manter a actividade musical, reforzando o protagonismo dos grupos locais nas programacións dos diferentes eventos lúdicos que se realizan no concello ao longo do ano".
Neste sentido, a titular de Cultura entende que este pulo "é agora máis necesario ca nunca, logo da inactividade que experimentou este sector durante os meses máis duros da pandemia".
Outra das metas que se pretende acadar é consolidar a regularización do procedemento para a creación dun catálogo de grupos, para que a información sobre os meses este ao alcance de todos.
"Trátase de manter o espírito co que impulsamos recentemente o Directorio de Entidades Culturais de Poio", lembra Raquel Rodríguez, ao cal se pode acceder desde a páxina web do Concello, e no que aparecen máis de 20 entidades e profesionais vencellados a este sector.
Por outra banda, este plan músico-cultural tamén ten presente obxectivos que forman parte da Axenda 2030, como é a modernización das inscricións no propio catálogo virtual. "Será un instrumento vivo, de actualización constante, que potenciará a visibilidade dos nosos grupos de música tradicional", garante a edil de Cultura, que lembra tamén a necesidade de "incentivar a actividade cultural sostible".
Este plan contará cunha contía que roldará os 16.000 euros aproximadamente, para fomentar a contratación destes grupos musicais tradicionais e folclóricos nos diferentes eventos lúdicos que, pouco a pouco, vanse retomando tras a irrupción da covid-19.