Treixadura engade tradición á oferta musical da Festa da Ameixa de Campelo
Por Redacción
Poio segue avanzando na composición do cartel musical da XXXI edición da Festa da Ameixa de Campelo, que se celebrará na Praza da Granxa entre os días 14 e 16 de setembro. O último nome en coñecerse é o de Treixadura.
O grupo de música tradicional actuará en Campelo o venres 14 de setembro. Súmase ás actuacións xa confirmadas anteriormente, a do dúo Andy y Lucas (sábado 15) e a da orquestra Claxxon (domingo 16).
Treixadura, que leva sobre os escenarios desde a década dos 90, presentará en directo o seu novo disco, Inda canto, que cualifican como unha aposta por reinventarse e seguir explorando camiños musicais dentro da tradición galega.
Dende a Concellaría de Turismo continuarán a traballar na confección dun amplo e variado programa de actividades destinado a todos os públicos, no que os máis cativos tamén serán protagonistas con actividades como unha nova edición da festa infantil pirata.
A Festa da Ameixa, como en anteriores ocasións, homenaxeará as mariscadoras das tres confrarías presentes na ría de Pontevedra xubiladas no ano 2017 e tamén contará co II Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, cun prazo para a presentación de fotografías que abrangue dende o 1 de xullo ata o 20 de agosto, e cuxo tema para esta edición é o mar.
Relacionadas:
-
A Festa da Ameixa nunca falla
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Festival da Ameixa obriga a realizar cortes de tráfico en Campelo
Por Redacción |
-
Andy y Lucas actuarán en Campelo e Amaia Montero en Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa do Mar, do 22 ao 26 de agosto; a Festa da Ameixa, 15 e 16 de setembro
Por Redacción |