A Camerata Arven pon o broche á tempada de concertos da Filarmónica
Por Redacción
A tempada de concertos da Sociedad Filarmónica de Pontevedra chega á súa fin. Farao o vindeiro luns 14 de maio, ás 20.30 horas, cun concerto da Camerata Arven, grupo formado na súa maioría por músicos galegos, no Teatro Principal.
A Camerata Arven fundouse no ano 2015 por músicos profesionais con experiencia no mundo da interpretación e a docencia, e aos que fundamentalmente lles une a paixón pola música de cámara e a ilusión por achegala a todos os públicos.
Unha das súas metas é fomentar o interese cara ese extenso mundo a través dunha programación variada e orixinal.
Aínda que as grandes obras do repertorio camerístico forman parte do ideario central da agrupación, outro dos seus obxectivos é a estrea de novas obras e a súa gravación, servindo así de laboratorio ao enorme talento dos novos compositores.
No concerto do luns, a Camerata Arven ofrecerá un atractivo programa no que interpretarán o Dixtour para quinteto de corda e quinteto de vento, de Jean Françaix; e a Sinfonía nº 4 de Gustav Mahler, nun arranxo de cámara do grupo Natalia Ensemble, versión que esixe a participación de 16 músicos (soprano, dous violíns, viola, violoncelo, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, percusión, piano e armonio).
Como solista nesta última obra actuará a nova soprano compostelá Anaís Fernández Cerneira.
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: Sabedes tocar un instrumento emocionalmente? Música Viva ensínavos
Por Marisa Ciordia |
-
A 'Orquesta Joven' da Sinfónica de Galicia actúa en Pontevedra o 2 de abril
Por Redacción |
-
Setenta voces e un réquiem
Por Gabriela Varela Asorey |
-
The Brahms Proyect, cuarteto de altura no Teatro Principal de Pontevedra
Por Noelia Torres Pintos |