A paisaxe galega, protagonista nas 'catro estacións' do Centro Coreográfico Galego
Por Redacción
As catro estacións do Centro Coreográfico Galego chegan a Pontevedra. O Pazo da Cultura acollerá este sábado 26 de novembro, a partir das nove da noite, a representación da última produción propia desta compañía.
A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, neste espectáculo a compañía pública achégalle ao público a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi.
A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións.
O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran. Iker Gómez asina as variacións de 'Primavera' e 'Inverno', en tanto que Kenneth Tindall asumiu as de 'Verán' e 'Outono'. Ademais, tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio da compañía.
As entradas para a representación no Pazo da Cultura poden adquirirse en www.ataquilla.com a un prezo de 7,50 euros, así como no despacho de billetes o propio sábado desde as 19.00 horas.
As catro estacións é o último espectáculo que forma parte da programación do ciclo Summum Teatro, a través do que o espazo pontevedrés ofrece unha selección de espectáculos de relevancia no panorama escénico estatal. Ademais, forma parte da súa oferta Black Friday, que implica un 25% de desconto nas entradas para todas as funcións desta fin de semana.