Xurxo Souto dirixirá en Pontevedra a gala dos Premios Martín Códax da Música 2024, na que actuará A Banda Xangai
Por Redacción
Medre o talento! Ese será o lema baixo o que se celebrará en Pontevedra a undécima gala dos Premios Martín Códax da Música. Será o vindeiro 15 de maio, a partir das oito e media da tarde, no Pazo da Cultura. O músico e escritor Xurxo Souto será o seu director.
Vida, creatividade e talento son os eixos arredor dos que Xurxo Souto está a deseñar unha gala na que enxalzar a riqueza, diversidade e diferenza na música actual en Galicia.
Será, segundo el mesmo explica, "a celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea" e contará con varias actuacións musicais en directo.
Unha delas será a de A Banda Xangai, que colle prestado o nome popular do tren que durante décadas uniu Galicia e Barcelona e que reúne algúns dos músicos que impulsaron o movemento bravú. Será a responsable de que a música sexa a absoluta protagonista da noite.
O director da gala avanza, sen desvelar nomes aínda, que participarán no espectáculo unha selección de voces solistas da música galega.
Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música.
Son as de Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.
Ademais, contan coa categoría de Artista Emerxente e os tres premios dirixidos aos "cómplices necesarios do sector", é dicir, salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.
O 15 de maio tamén se fará entrega do galardón honorífico 2024, cuxo nome desvelarase días antes.
Relacionadas:
-
O Galegote, sen premio nuns Martín Códax da Música que recoñecen a Guadi Galego, Terbutalina ou Mondra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Emilio Cao recibirá o galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024
Por Redacción |
-
Chamada para a música galega: abren as inscricións para os Premios Martín Códax
Por Redacción |