Chamada para a música galega: abren as inscricións para os Premios Martín Códax
Por Redacción
Desde este luns e ata o 10 de marzo, a música galega e en especial a súa comunidade de artistas está chamada a participar na 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, organizada por Músicas ao Vivo.
A convocatoria, con inscrición a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal, vai dirixida a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2024, agás os que xa foran premiados na anterior edición dos premios.
Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.
A inscrición é libre e gratuíta, e non é preciso ser socia de Músicas ao Vivo. As bases poden consultarse na web dos premios.
Ademais, volve a incluirse nesta edición a categoría de Artista Emerxente, instaurada en 2022 para proxectar e potenciar proxectos de nova creación, e os tres premios Organistrum, dirixidos aos "cómplices necesarios do sector" a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.
No caso de inscribir a candidatura na categoría extraordinaria de Artista Emerxente, é preciso facelo tamén nalgunha das quince categorías musicais e cumprir os seguintes requisitos: que o proxecto non leve en activo máis de tres anos, que non editara máis de un disco (EP ou album) e que non fora premiado nin finalista en anteriores edicións dos Premios.
En 2022 foi recoñecida con este galardón a cantante Antía Muíño e en 2023, o compositor e pianista Sergio de Miguel.
Tras o periodo de inscricións, será un xurado profesional, con representantes do ámbito da formación musical, da industria musical, da comunicación e da comunidade artística, quen valore as candidaturas nunha primeira fase seleccionando tres finalistas por categoría. O mesmo xurado que se encargará de decidir os tres finalistas dos premios “Organistrum” e de "Artista Emerxente".
PÚBLICO NA SEGUNDA FASE DE VOTOS
A novidade en 2024 reside na apertura ao público da segunda fase de votacións, do 25 de abril ao 12 de maio.
Haberá que votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios de Músicas ao Vivo.
GALA O 15 DE MAIO
A gala dos 11º Premios Martín Códax da Música terá lugar o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Emilio Cao recibirá o galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024
Por Redacción |
-
A Deputación achega a música clásica a través dun curso gratuíto de audicións comentadas
Por Redacción |
-
O Galegote Rock, entre os finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2024
Por Alejandro Espiño |
-
Xurxo Souto dirixirá en Pontevedra a gala dos Premios Martín Códax da Música 2024
Por Redacción |
-
148 grupos de música conforman o catálogo que a Deputación pon a disposición dos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Os Premios Martín Códax da Música abren o proceso de votacións ao público
Por Redacción |