"Implicación total" na xornada de limpeza das praias de Poio
Por Redacción
Profesionais do mar, representantes de colectivos e mesmo familias con nenos participaron este sábado nunha xornada de limpeza nas praias de Poio.
O punto de encontro foi ás 9:00 horas na contorna do campo de fútbol da Reiboa, e a partir de aí, organizáronse grupos de traballo polas diferentes praias entre o paseo de Ostreira, ata Campelo, Cabeceira e Lourido.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou unha vez finalizada a actividade a "implicación total" das persoas participantes, que "sabían ao que viñan e traballaron moi duro".
Entre os residuos que retiraron atopábanse algas, troncos, mantas para illamento, asentos de embarcacións, tapizados, nasas, tubos, rodas e, sobre todo, moito envase de plástico.
Neste sentido, Moldes indicou que "nos fai reflexionar do modo de vida que temos", incidindo especialmente en "os distintos envases" e "todo tipo de plásticos" recollidos. "Temos que concienciarnos", subliñou.
Os grupos estiveron coordinados por Protección Civil de Poio.