O río Verdugo desborda en Ponte Sampaio e o temporal deixa o colexio sen luz
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A cicloxénese explosiva 'Nadja' deixou un importante impacto na parroquia de Ponte Sampaio.
O río Verdugo desbordouse ao seu paso pola parroquia pontevedresa inundando a zona da Xunqueira, a praia, o parque infantil, o campo de futbol e o acceso e as fincas que rodean o colexio.
O director do CEIP, Avelino Cabaleiro Castellano, informou que os responsables de Gas Natural Fenosa lle confirmaron que se trata de "unha averia grande". Dende a empresa eléctrica explicaron que "rompeu un cable de media tensión entre dous puntos de transformación".
Segundo explicou Avelino Cabaleiro algúns dos nenos que chegaron ao colexio ás 7.30 horas dentro do Plan madruga tiveron que volver ás súas casas xa que a falta de subministración eléctrica no comedor impediu, entre outras cousas, quentar o leite do almorzo. Os que quedaron no centro almorzaron froita, zume e madalenas.
Numerosos pais puxéronse en contacto coa dirección do colexio para confirmar que se ían dar as clases. O director explicou que o centro escolar abriu as súas portas e que a xornada lectiva se desenvolverá atendendo ás especiais circunstancias, é dicir, ás escuras e cos abrigos postos dentro da aula, xa que tampouco funciona a calefacción.
No CEIP de Ponte Sampaio estudan 118 nenos.
Segundo informaron fontes oficiais de Gas Natura - Unión Fenosa, o corte de subministración rexistrouse ás 6:57 horas deste luns debido á caida dunha árbore sobre a liña. Como consecuencia do impacto romperon tres apoios. O corte afectou a un total de 1.512 clientes e a un total de 22 centros de transformación.
Estas mesmas fontes confirmaron que aos 32 minutos xa se repuxera a subministración para un total de 414 clientes. E á unha da tarde xa estaba emendada a avaría.