Eva Vilaverde, sobre as condicións do PSOE ao orzamento: "queren petardear a gobernabilidade deste Concello"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións este venres no Concello de Pontevedra, respondía o decálogo de propostas socialistas ao borrador dos orzamentos municipais nos que traballa o goberno local para o Concello de Pontevedra.
"Queda claro con esta proposta quen era quen non quería entrar no goberno", explicaba Eva Vilaverde en relación ás negociacións entre o BNG e o PSOE para crear un goberno bipartito. "Dá a impresión de que o que queren é petardear a gobernabilidade deste Concello e impedir ou obstaculizar ao goberno do BNG, obstruíndo aínda máis que o propio Partido Popular. Vai detrás das súas propostas pero incrementando a inviabilidade das súas propostas", manifestou a concelleira nacionalista.
Entre as demandas socialistas figuraba a proposta de transformar Raíña Vitoria nunha plataforma única aberta ao tráfico cun investimento de 2,5 millóns de euros ou a renovación do solo da Alameda de Pontevedra para acoller a feira semanal. Vilaverde lembrou que o PSOE votara en pleno "tres ou catro veces" a favor da actual situación de Raíña Vitoria: "é difícil de entender". Respecto a a localización da feira, alegou que foi a propia agrupación socialista quen na modificación da ordenanza recollía que a rúa Rafael Areses era o lugar para o desenvolvemento do mercado ambulante. "De entrada non sona ben e parece que non queren chegar a acordo", concluíu.
"Non se pode estar adiante e atrás", advertiu Eva Vilaverde que expuxo que a man está tendida para iniciar negociacións entre Raimundo González, concelleiro de Facenda, e o portavoz municipal socialista, Iván Puentes, para establecer unha mesa de diálogo.
Recoñeceu que os socialistas se atopan nunha situación "complicada" coa estratexia actual de "obstaculizar" porque "iso supón ir da man do PP, coa liada que teñen en Madrid", en referencia ás protestas diante da sede do PSOE con motivo da amnistía.
A alcaldesa en funcións pediu "responsabilidade e seriedade" tanto ao PSOE como ao PP local xa que é necesario que os orzamentos se aproben antes de 2024 para evitar a perda de fondos europeos. "Están en tramitación proxectos que teñen que licitarse en 2024. Se non temos consignación orzamentaria para iso, non poderán licitarse e perderemos fondos europeos", avisou.
Insistiu en que se os socialistas teñen intención de negociar se poden estudar puntos que figuran nas propostas presentadas por Iván Puentes, portavoz socialista, aínda que outros temas dos que se recollen nesas peticións, que alcanzan os 6,6 millóns de euros en conxunto, son considerados polo BNG como "inviables".
Tampouco descartou a posibilidade de someter os orzamentos a unha cuestión de confianza. "Nós o que temos é que garantir a gobernabilidade no Concello de Pontevedra. Temos que buscar todas as vías necesarias para ter orzamento en 2024", engadiu.
O goberno local ten previsto que a próxima semana se convoque a Mesa Xeral de negociación cando finalicen os informes do orzamento: "non deberiamos tardar moito", avanzou.
Relacionadas:
-
O PSOE denuncia a deriva "rancia" da Deputación por esixir traxe e gravata no acto do 25N
Por Redacción |
-
A apertura de Raíña Vitoria, entre as dez condicións que pon o PSOE para apoiar os orzamentos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
"O ano pasado quedamos sen luces de Nadal e este ano sen Pontedetapas", lamenta o PSOE
Por Oskar Viéitez |