O Día do Enoturismo conmemórase en Soutomaior: "A enoloxía e o turismo son dous das nosas grandes fortalezas"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Castelo de Soutomaior sumouse este domingo á conmemoración do Día Mundial do Enoturismo coa IX Cata Amateur organizada pola Ruta do Viño Rías Baixas coa participación de 22 marcas de 16 adegas.
Do centenar de persoas participantes, só tres conseguiron acertar os tres viños sometidos á cata a cegas. Trátase de dúas mulleres e un home que recibiron diferentes premios, entre os que se atopaban un enopack pola Ruta do Viño Rías Baixas e un lote de conservas de ANFACO.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu o acto acompañado polos responsables do Roteiro do Viño Rías Baixas e ANFACO, Pepe Simón e Iván Alonso.
Na súa intervención, Luis López anunciou a concesión dunha subvención á Asociación Ruta do Viño Rías Baixas por valor de 20.000 euros para axudar no seu labor de fomentar a promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas e o enoturismo na provincia.
O presidente provincial, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, insistiu en que "non me canso de dicir que Pontevedra é gozar" e, entre as cousas das que gozar nas Rías Baixas, "sen dúbida o viño que leva o seu nome é un dos mellores produtos que podemos ofrecer aos nosos visitantes"
Subliñou tamén que o enoturismo é unha das grandes fortalezas do destino turístico Rías Baixas e mostrou o compromiso do seu goberno para seguir apostando polo turismo. "Somos unha potencia en turismo, pero aínda non tocamos teito. Podemos atraer máis visitantes internacionais, podemos desestacionalizar as visitas e podemos fomentar máis o termalismo, o noso patrimonio ou a nosa natureza", destacou.
A Deputación escolleu para a conmemoración do Día Mundial do Enoturismo o Castillo de Soutomaior porque "a enoloxía e o turismo son dous das nosas grandes fortalezas" e Soutomaior é "a fortaleza por excelencia da nosa provincia" e “un dos nosos máis importantes elementos de atracción turística e símbolo da nosa fortaleza como provincia".
O presidente do Roteiro quixo agradecer aos asistentes "a gran acollida desta actividade", que en menos dunha semana vendeu todas as súas entradas.
O presidente de ANFACO destacou a importancia da industria conserveira na provincia e explicou que "as conservas non teñen data de caducidade", de maneira que poden durar toda unha vida, aínda que por lei deben levar unha data de consumo preferente.
A xornada finalizou coa degustación das conservas de ANFACO, mentres soaba a música en directo de Dani Barreiro & Friends.