A remodelada rúa Isabel II de Cambados vai ser peonil a partir da vindeira semana
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tras rematar as obras de humanización e mellora dos servizos urbanísticos, a rúa Isabel II vaise pechar ó tráfico rodado para converterse en peonil a partir da vindeira semana. Este vial enlaza co primeiro tramo da avenida da Pastora, ata O Castriño, coa praza Alfredo Brañas e coa rúa Hospital que tamén están pechadas á circulación de vehículos.
O proxecto de remodelación executado nesta rúa serviu para integrala no seu contorno, rectificando a rasante e corrixindo os baches, os cales dificultaban o tránsito normal dos peóns e repercutían negativamente na actividade comercial. O orzamento ascendeu a 40.000 euros, dos cales a consellería de Economía e Industria aportou un 75 por cento.
CASTELAO CON SAN ROQUE
A vindeira semana prevese o inicio das obras de reforma e ampliación do camiño que une o remate da rúa Castelao coa rúa San Roque, preto da rotonda da rúa Olmos.
Este vial conta cunha lonxitude aproximada de 300 metros e vaise ampliar a petición dos propietarios das parcelas lindeiras que ceden terreos de xeito voluntario para ensanchar o camiño e facilitar mellores accesos ás parcelas.
Este renovado vieiro servirá como alternativa para os veciños da avenida da Pastora que posúen pequenos tractores e que, a semana pasada, entrevistáronse co alcalde para solicitarlle unha solución o seu problema. Unha vez acordada a circulación en sentido único pola antedita avenida, os tractoristas víanse obrigados a dar un rodeo ata a avenida de Vilariño ou pola avenida de Galicia para retornar ás súas vivendas, o cal supoñíalles unha dificultade.