Ano e medio de cárcere por queimar un contedor na rúa Cruz Vermella
Por Redacción
Unha sentenza "exemplarizante". Así valoran desde o Concello de Pontevedra a condena que recibiu un home de 38 anos por queimar un contedor situado na rúa Cruz Vermella. Non só terá que pagar polos danos causados, senón que o xuíz imponlle ano e medio de prisión.
O fallo xudicial, que quixo divulgar o goberno municipal "para que os cidadáns saiban que non vai a quedar sen castigo calquera actuación en contra do mobiliario urbano", apuntou o alcalde, foi emitido polo xulgado do penal número 3 de Pontevedra.
A condena é firme, xa que o acusado aceptou o seu castigo como autor dun delito de danos en bens de uso público, polo incendio que provocou no contedor en abril de 2018.
Para iso prendeu lume a uns papeis cun chisqueiro que levaba e introduciunos ardendo dentro do contedor, que quedou completamente calcinado.
Xunto coa pena de cárcere, o home deberá indemnizar o Concello con 1.012 euros, a cantidade que a administración municipal tivo que pagar polos gastos de limpeza, a intervención dos bombeiros para extinguir o lume e a reposición do contedor afectado.
Ademais, terá que pagar unha multa de 360 euros, a razón de dous euros por día durante os próximos dous meses.