Dous atropelos en menos dunha hora en Marcón e Eduardo Pondal
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas na tarde-noite deste xoves tras verse implicadas en senllos atropelos na rúa Eduardo Pondal e a parroquia de Marcón. Os dous sinistros producíronse con apenas 45 minutos de diferenza.
O primeiro dos accidentes rexistrouno o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia ás 19.46 horas e produciuse en Marcón. Testemuñas presenciais explicaron que os feitos aconteceron na estrada PO-542, que comunica o Nó do Pino e Ponte Caldelas, á altura do bar Emiliano.
Segundo estas mesmas testemuñas, un home cruzaba a estrada á altura dos semáforos nun momento en que o vial estaba escuro e chovía e un vehículo atropelouno. O home resultou ferido e tivo que ser atendido por unha ambulancia do 061. A Garda Civil de Tráfico levantou atestado do sucedido.
O segundo sinistro rexistrouno o 112 ás 20.31 horas e fontes da Policía Local de Pontevedra indicaron que consistiu nun atropelo nun paso de peóns na rúa Eduardo Pondal.
Un vehículo golpeou unha muller mentres cruzaba e requiriuse a presenza dunha ambulancia. Os servizos sanitarios atenderon á ferida no lugar do sinistro, pero non foi necesario o traslado a ningún centro médico.