Bodegas Martín Códax obtén 600.000 euros da Deputación para implantar a agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a concesión de dúas subvencións destinadas a impulsar a agrocompostaxe que beneficiarán a Adegas Martín Códax, que recibirá 600.000 euros, e a Viñas e Terras do Pazo SL que terá unha axuda de 257.000 euros.
Esta liña de axudas foi posta en marcha polo anterior goberno provincial e formaba parte do Plan Revitaliza que destinou inicialmente un total de 1,5 millóns de euros a impulsar o agrocompostaxe nas empresas gandeiras e agrícolas da provincia ao mesmo tempo que se establece unha conexión cos biorresiduos que se reciben nos composteiros municipais.
Presentáronse a esta convocatoria seis entidades.
Segundo explicou este venres o presidente provincial, no caso das Bodegas Martín Códax con esta axuda construirán unhas instalacións nas que compostarán os residuos propios. Este equipamento estará situado en San Salvador no Concello de Meis e terán unha capacidade para compostar 3.300 toneladas de biorresiduos ao ano.
Pola súa banda, a empresa de Tomiño, Viñas e Terras do Pazo xestionará residuos propios procedentes da poda dos seus viñedos, outros restos orgánicos procedentes do seu comedor e tamén as de orixe doméstica procedentes da recollida municipal, cunha capacidade de 354 toneladas de residuos ao ano.
A proposta contempla aproveitar eses biorresiduos da actividade agrogandeira combinados cos de orixe doméstica. O resultado en forma de compost sería aplicable aos campos destas empresas para fertilizar os seus solos eliminando así o uso de elementos químicos.
Co diñeiro das axudas financiarase a adquisición de maquinaria necesaria e a adaptación ou construción de instalacións para executar o proceso.
Con esta alternativa evítase levar os biorresiduos a unha planta de maior ou menor tamaño para a xestión dos biorresiduos.