Vilaboa xa ten os cartos para converter a escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, César Poza, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron este martes o convenio de colaboración para financiar o proxecto que converterá a antiga escola do Picho nun centro social e de maiores.
A través deste convenio, que se enmarca dentro do programa provincial PON2030, o goberno provincial asumirá o 76% do orzamento desta actuación, uns 490.000 euros, mentres que o Concello sufragará os 151.000 euros restantes.
A obra, valorada nuns 643.000 euros, consistirá na rehabilitación do complexo de dous edificios de titularidade municipal ubicados no lugar do Picho, na parroquia de Vilaboa, para destinalos a centro social e de maiores.
A parcela conta cunha superficie de 754 metros cadrados, pero o estado de conservación dos edificios é deficiente pola súa falta de uso.
O proxecto contempla a remodelación dos dous edificios para equipalos con espazos deseñados para actividades de interacción social como talleres, cursos ou áreas de esparexemento. Ao mesmo tempo, haberá novos aseos, despachos, salas de estar, vestiarios e cociña.
Un dos elementos máis transformadores desta intervención será a unión dos dous edificios, que actualmente non están conectados. Para logralo, o proxecto contempla consolidar un pequeno volume que permitirá circular ás persoas desde un edificio ao outro.
Ademais, a obra culminarase coa instalación de zonas axardinadas na contorna das edificacións.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.
Relacionadas:
-
Adxudicada por medio millón de euros a rehabilitación do futuro centro social e de maiores do Picho
Por Redacción |
-
Impulso á conversión da antiga escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción |
-
O Concello de Vilaboa transformará o antigo local do Picho nun centro social e de maiores
Por Oskar Viéitez |