Diverxentes dá apoio ás altas capacidades intelectuais dende Marín
Por Redacción
A concelleira delegada de Cultura de Marín, Itziar Álvarez, reuníase coa directiva de Diverxentes, asociación sen ánimo de lucro, para o apoio a familias con fillos e fillas con altas capacidades intelectuais.
Dende o consistorio marinense manifestan o seu apoio á entidade, á que se lle ceden as instalacións da Finca de Briz unha vez cada mes para realizar reunións de familias.
Estes encontros, tal e como explicaron as integrantes da asociación, "están abertos a cualquera familia con dúbidas sobre altas capacidades". Neste sentido, queren matizar como este termo foi evolucionando para separarse de etiquetas como a de "superdotado", referíndose a día de hoxe a nenos e nenas que teñen unha capacidade de aprendizaxe superior e unha forma de aprender radicalmente diferente á do resto de nenos e nenas da súa idade.
Recalcan as dificultades coas que se atopan as familias, xa que "o sistema educativo está deseñado para un modelo de alumnado promedio cunha forma de aprendizaxe concreta e os nenos e nenas con altas capacidades aprenden doutra maneira e a un ritmo diferente, polo que precisan dun cambio de metodoloxía". Por iso, en moitas ocasións acaban producíndose situacións de fracaso escolar, falta de atención e acoso escolar, pola escasa interacción con outras persoas que non seguen o seu ritmo de comprensión e de intereses.
Para intentar visibilizar esta realidade e procurar melloras nas necesidades educativas dos seus fillos e fillas, así como unha maior compresión social, fundaron hai un ano en Marín a asociación, que conta con 20 familias adheridas e dá cobertura a toda a provincia.
Para aquelas persoas interesadas, o vindeiro 4 de novembro celebrarán unha charla-coloquio titulada "Familia, escola e altas capacidades" na Biblioteca Pública Vidal Pazos de Marín, de 11.00 a 13.00 horas, a cargo de Betina Represas, especialista en altas capacidades e membro do equipo de Orientación Específico (EOE) de Pontevedra. A asistencia é libre e non é necesario facer inscrición previa.