O PSOE critica a reunión de Lores con Rueda porque "non conseguiu absolutamente nada"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista critica o resultado do encontro mantido este luns polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda que, segundo dixo o portavoz do PSOE Iván Puentes "resúmese nunha soa palabra que é: nada".
Despois desa entrevista institucional o alcalde da capital volve "coas mans absolutamente baleiras", dixo o portavoz socialista. Lores volve "marabillosamente contento sen conseguir absolutamente nada para esta cidade", insistiu.
Para Iván Puentes "o único que fixeron é darlle unha volta máis" a asuntos dos que a Xunta e o Concello "levan dez anos falando e nunca concretaron nin conseguiron materializar".
O portavoz local do PSOE atopa "sorprendente" que nese encontro institucional non se falase "por exemplo, de repoñer os médicos e o persoal sanitario que falta nos centros de saúde" nin tampouco se abordase "a seguridade na estrada Pontevedra-Vilagarcía" ou a apertura do tramo cuberto do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo.
Outro asunto que Iván Puentes entende que debería terse tratado no encontro entre Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores son os problemas que ten a hostalería local.
Iván Puentes lamentou que "non se traduza en nada concreto" a "intención" da Xunta de ampliar o polígono industrial do Campiño e dixo non entender por que o alcalde asume como un "logro" a liberación dos terreos que a administración autonómica ocupa actualmente na Xunqueira de Alba cando "o primeiro que tería que facer sería cumprir co Goberno de Espala e asumir a estratexia Pontevedra flúe" que segundo insiste conta con "25 millóns de euros reservados no Ministerio para esta cidade".
En canto á Variante de Alba, o portavoz socialista reclamou información para saber que é o que se quere facer e tamén criticou que a Xunta responsabilice a Costas do Estado do inicio da dragaxe do río Lérez algo que interpreta como que "simplemente o BNG e o Partido Popular ás portas dunhas eleccións autonómicas deciden que lles convén engancharse da man e lanzar balóns fose e apuntar cara ao Goberno de España".
Igualmente lamentou "que o alcalde non fose máis contundente" para reclamar prazas gratuítas no futuro aparcamento que construirá a Xunta no hospital Montecelo.