O PSOE avalará a segunda modificación de crédito do mandato do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O PSOE avalará a segunda modificación de crédito do mandato do Concello de Pontevedra tras negociar co goberno local do BNG.
"O noso labor de oposición será sempre construtivo", defendeu o portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes.
O Goberno local incluirá nesta modificación diversos investimentos e proxectos que impulsaron os socialistas no anterior mandato, así como outras partidas "que teñen un indiscutible interese xeral".
Entre estes proxectos que condicionaron o voto favorable do PSOE destacan a reforma integral da Praza de Pasarón, entre as rúas Luis Otero e Leonardo Enríquez, cunha contía de 399.985 euros; a mellora e apertura ao público dos xardíns do centro asociado da Uned en Monte Porreiro, cun orzamento de 151.193 euros, e unha subvención ao Pontevedra CF para a substitución do céspede do campo de fútbol de Pasarón, valorada en 75.000 euros.
Asemade, negociouse a execución de outras dúas actuacións que non aparecen expresamente na modificación de crédito, por tratarse de contratos menores, e que polo tanto se poden executar directamente: en concreto, a mellora da iluminacion do novo espazo de lecer do Campo da Torre e a incorporación ao mesmo do vial anexo á Praza de Touros (cun investimento global de 35.000 euros), e a instalación dunha malla protectora na ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso por Mollavao (estimada en 65.000 euros).
Esta modificación de crédito contempla unha partida de 1.160.753 euros para o convenio coa Xunta de Galicia que fará posible a acometida eléctrica do Gran Montecelo e o millón de euros para o novo parque urbano da Parda, pero tamén as destinadas á renovación de papeleiras e bancos (por 558.120 e 241.880 euros, respectivamente) e á expropiación e adquisición de parcelas (558.000 euros).