O alcalde de Bueu di que "o PP parece que goberna mellor na oposición que cando está no goberno"
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal de Bueu celebrou este martes, 17 de outubro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello, o cadro e o anexo de persoal para o exercicio 2023, que saíu adiante cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSOE), mentres que o PP se manifestou en contra.
O documento publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tras o que se abrirá un período de exposición pública de quince días para a presentación de alegacións, despois do cal se aprobará definitivamente.
Este orzamento ascende a 7.200.000 euros no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos.
O PP presentou oito propostas para emendar os orzamentos, como o incremento da contía do Premio Johan Carballeira de Poesía, a colaboración a través dun convenio con Cáritas Bueu, o concurso de ideas da Banda do Río, o incremento das contías outorgadas ás asociacións de nais e pais, a creación duns bonos de compra de libros, e unha maior aposta polas infraestruturas culturais e deportivas.
Así mesmo, o PP tamén presentou algunhas ideas para ter en conta no próximo orzamento, como a creación dun plan bienal de saneamento, plan de ancheamento do camiño de A Vela, implementación de obradoiros de emprego ou a creación dun plan de accesibilidade para a eliminación das barreiras arquitectónicas das praias e beirarrúas.
Estas emendas non saíron adiante, ao contar só cos votos favorables do PP, e Félix Juncal, alcalde da vila, esgrimiu que "o PP parece que goberna mellor na oposición que cando está no goberno", ao tempo que lembrou a "herdanza" de débeda económica que recibiu dos gobernos populares no 2007, dun importe que se achegaba aos 2 millóns de euros.