As Xornadas Mariñeiras de Bueu contarán con degustacións e charlas sobre o mar
Por Redacción
O Concello de Bueu organizará o próximo 5 de novembro unhas Xornadas Mariñeiras, nas que se promoverá o sector do mar, con venda de produtos, degustacións e charlas sobre diversas cuestións relacionadas.
Xa está aberto un prazo de inscrición ata o 25 de outubro, para que as empresas ou marcas interesadas se anoten tanto para a colocación dun posto gastronómico como calquera outro comercio de temática mariñeira.
A concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, está deseñando xa a programación deste evento que pretende ser un escaparate para poñer en valor "a nosa historia e a cultura mariñeiras".
O evento terá lugar no aparcadoiro de As Lagoas, na zona céntrica. Alí haberá postos de comida mariñeira, con especial fincapé en produtos como o polbo e o mexillón, degustacións, presentación de proxectos e charlas, actuacións musicais e tamén actividades para a cativada.
A iniciativa irase pechando nas próximas semanas, e por iso se fai un chamamento para que a hostalaría local se una e se poida contar cun número importante de locais adheridos.
As persoas que desexen máis información ou inscribirse poderán facelo directamente no correo electrónico de Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo: silvia@concellodebueu.gal