O plan especial de aparcamento en Combarro estréase con éxito
Por Redacción
O goberno local de Poio celebra o éxito que, ao seu xuízo, tivo o plan especial de aparcamento deseñado para aliviar o tráfico en Combarro durante a ponte festiva do 12 de outubro.
Este operativo, segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, permitiu arranxar a situación e evitar o colapso que se provocaba en Combarro e na zona da Canteira ano tras ano.
Así, xoves e sábado, que foron os días de máis afluencia, completáronse todas as prazas de turismo e autobuses reservadas, pero durante toda a ponte, desde o mércores ata hoxe domingo, foron centos os autobuses que se achegaron ata Combarro.
"Estas decisións son as que marcan a diferencia. Non foron necesarios grandes investimentos, simplemente consistiu en ter un plan, coñecer a realidade e ter vontade para arranxar esta situación", asegurou a concelleira.
O plan de aparcamento especial durante estes días consistiu en autorizar o estacionamento de autobuses nunha zona habilitada temporalmente entre os portos deportivo e pesqueiro, mentres que os turismos podían aparcar en párkings disuasorios así como no porto pesqueiro.
A este plan Maritxe González sumou tamén o bo funcionamento do operativo de aparcamento deseñado durante o verán en Combarro, grazas ao acordo cos bateeiros e coa confraría para usar a explanada do porto da Canteira.