Falece un condutor, de 79 anos, ao saír da vía en Curro
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
Ao redor das 12.20 horas producíase un accidente no municipio de Barro, na confluencia entre a estrada PO-531 e a entrada á autovía AG-41 á altura de Curro.
Por causas que se investigan, un turismo saía da vía. O condutor, único ocupante, resultaba falecido, segundo informaban o servizo do 112 Galicia os equipos de intervención no momento en que chegaban ao lugar do sinistro.
Un particular foi quen alertou aos servizos de emerxencias indicando a posibilidade de que se atopase algún atrapado no interior do vehículo accidentado. Foron alertados os Bombeiros de Pontevedra, O Morrazo e o GES de Sanxenxo. Foi necesaria a intervención dos efectivos de bombeiros de Pontevedra e do GES para liberar o corpo da persoa falecida do interior do turismo, que quedara envorcado nun lateral da vía.
Ata o lugar trasladáronse tamén Urxencias Sanitarias do 061, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e o Helicóptero de Emerxencias, por se era necesario o traslado da persoa. Finalmente non chegou a intervir.
O home falecido (R.A.A.) tiña 79 anos e, segundo os primeiros datos, era veciño de Meis.