Os autobuses turísticos, de San Roque a Valentín García Escudero
Por Alejandro Espiño
A ponte do Burgo, os restos do peirao medieval e o mercado de abastos serán, a partir de agora, a porta de entrada aos turistas que cheguen a Pontevedra en viaxes organizadas en autobús. Así o anunciou este mércores o goberno municipal.
Estes autobuses deixarán así de usar a parada habilitada en San Roque. O novo punto de chegada será na contorna da praza de Valentín García Escudero, segundo explicou o edil César Mosquera. O Concello contactará coas empresas para informarlles deste cambio.
Esta medida adóptase, principalmente, co obxectivo de contribuír a dinamizar a praza de abastos, de modo que os turistas accedan a Pontevedra "en pleno centro histórico" e que as súas visitas guiadas non comecen en Montero Ríos ou a Praza de España.
"Estarán mellor servidas as propias excursións e servirá para darlle un impulso toda a parte norte do centro histórico", subliñou Mosquera.
Ademais, o Concello busca aliviar ao mesmo tempo a presión peonil que, en determinados momentos do día, existe no eixo Praza de España, Michelena e Peregrina.
Evitar que os turistas atravesen Montero Ríos, onde se están instalando os módulos temporais para acoller aos alumnos do IES Valle Inclán durante as obras, é outro dos beneficios que, a xuízo do goberno municipal, terá esta decisión.
César Mosquera non puxo data a este cambio, xa que sostivo que primeiro haberá que comunicar a medida ás empresas que realizan este tipo de viaxes discrecionais e acordar o punto exacto onde poderán estacionar os autobuses.