Dous centros ‘conectados’ en Pontevedra e Vilagarcía para a transformación dixital das pemes
Por Redacción
A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía puxo en marcha o proxecto dixital hubNET, unha iniciativa que establecerá dous centros conectados en Pontevedra e Vilagarcía enfocados á transformación dixital de pemes e emprendedores.
Este proxecto, segundo o presidente da entidade, José García Costas, xorde para apoiar aos "auténticos motores" da economía pontevedresa e estará centrado no apoio a sectores "estratéxicos" como a industria forestal, transporte e loxística, turismo e comercio retallista.
dixital hubNET buscará contribuír e apoiar a modernización e sustentabilidade do tecido produtivo a través do investimento en I+D+i na actividade habitual das empresas, nunha contorna de colaboración e de xeración de sinerxias entre entidades, startups e empresas tractoras.
Ambos os centros contarán con aceleradoras de emprendemento e internacionalización que proporcionarán apoio, equipamento e os últimos avances en dixitalización para fomentar a creación de empresas, o intercambio de experiencias e o acceso a mercados exteriores.
O centro situado en Pontevedra estará orientado a dar soporte á industria forestal, o transporte e loxística, xa que para García Costas é a opción "idónea" pola localización estratéxica da cidade, a súa conectividade e contar coa Escola de Enxeñería Forestal e a fábrica de ENCE.
O de Vilagarcía, pola súa banda, estará centrado nos sectores do turismo e comercio retallista, dous ámbitos cun tecido empresarial "cunha dimensión media moi reducida", con tendas e aloxamentos de pequeno tamaño e con carencias en desenvolvemento dixital.