Mantense a prealerta por escaseza de auga no Lérez
Por Redacción
A Xunta mantén a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez.
Así, pese ás chuvias rexistradas nos últimos días, a Oficina Técnica da Seca decidiu manter a prealerta no sistema do Lérez, pois a recuperación do río non se produce de xeito inmediato e aínda non se teñen acadado valores de normalidade.
A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, participaron este luns nunha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, un ente tamén integrado polos representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
Na reunión abordouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, de competencia autonómica.
Ademáis de Pontevedra esta mesma prealerta mantense no caso do río Grande, en Camariñas e nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña. Continuará a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.
No que se refire á meteoroloxía, as chuvias acumuladas en agosto entraron dentro dos parámetros da normalidade, pero nas comarcas do norte da Coruña e Lugo, quedaron por debaixo dos valores habituais deste mes. Ademais, prevese un tempo anticiclónico nas vindeiras semanas.
Esta situación de prealerta por escaseza supón a intensificación do seguimento da situación meteorolóxica e dos niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.
A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros é do 69,59%, 3,4 puntos por riba da ocupación do mesmo período en 2022.
O goberno galego reitera a necesidade de levar a cabo un consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización sempre que sexa posible.