As ludotecas de verán facilitaron a conciliación de case 400 familias en Poio
Por Redacción
Os tres programas deseñados polo Concello de Poio para contribuír á conciliación durante o verán permitiron a case 400 familias do municipio encaixar os seus horarios laborais coas vacacións estivais dos seus fillos, ofrecéndolles unha chea de actividades.
As ludotecas Raxó Verán e Campa Verán quedaron xa clausuradas este xoves, mentres que o Espazo Concilia continuará funcionando ata o 9 de setembro no CEIP Viñas.
Os programas desenvolvéronse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas e ofertáronse en total 780 prazas divididas por quincenas.
O Campa Verán organizouse no CEIP Isidora Riestra e contou con 150 prazas en cada unha das catro quendas, mentres que o Raxó Verán desenvolveuse no CEIP Espedregada e nel participaron un total de 45 nenos por cada quincena.
Cada familia podía solicitar tantas quendas como desexase. Con respecto ao ano pasado, este ano aumentáronse as prazas e igualáronse os horarios dos dous campamentos.
Os campamentos de verán tiveron por obxecto ofrecer unha alternativa de ocio para as nenas e nenos, nun espazo e tempo para desenvolver actividades de carácter lúdico como manualidades, obradoiros de refugallo ou actividades deportivas.
Nun contexto educativo, o desenvolvemento deste servizo permitiu o fomento da participación social, a integración, a convivencia, a solidariedade e o desenvolvemento dos menores a través de actividades de ocio saudables que responden a criterios e valores educativos.