O Intecmar mellora a clasificación do banco marisqueiro dos Praceres
Por Oskar Viéitez
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) publicou este venres a resolución que oficializa o cambio a B da zona este de o banco dos Praceres.
Esta mellora na clasificación afecta á zona delimitada polo norte co dique sur do río, polo oeste coa liña imaxinaria que vai do peirao de Lourido ao cabo dos Praceres e polo sur desde Pedra Froxán á baliza verde o extremo oeste do dique sur do río e a costa.
A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Intecmar, dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción de moluscos bivalvos permitiu que desde agora esta área produtiva teñan unha mellor clasificación microbiológica, o que facilitará o labor da confraría de Lourizán.
Ata o de agora, e durante os últimos 17 anos, esta zona tiña clasificación C co que o produto debía pasar por un proceso de depuración natural sendo trasladado á parte dos Praceres que xa era zona B ou ben mediante unha reinstalación en batea antes da súa comercialización.
Coa clasificación como zona B os recursos extraídos teñen que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda. Este cambio, froito da mellora da calidade das augas, facilitará o traballo das mariscadoras, ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos, redundando nun mellor prezo das súas capturas.
A confraría de Lourizán poderá ampliar agora a súa zona de traballo habitual a todo o banco marisqueiro dos Praceres.